Site icon Crónica3.com A Mariña

Comeza unha nova tempada do programa KmO da Deputación no que xa participaron 27 mil persoas

Nota de prensa

Arranca o martes a 40 tempada de Km0.Deputación de Lugo co que 27.000 persoas xa redescubriron a provincia

– Para garantir a continuidade do programa que mantén máis de 3.000 empregos, a institución introduce a modalidade de pago de 5 ou 8 euros agás colexios e institutos públicos. O prezo rebaixarase nun 10% a quen realice o abono on line
– Ofértanse 127 rutas nas modalidades de Km0 tradicional, a Compostela e Xtreme, levando riqueza a totalidade dos Concellos, amosando a diversidade da provincia e garantindo a participación de persoas de todas as idades
– Todos os interesados poden participar chamando ó 982-26-74/75, enviando un correo a km0@deputacionlugo.org ou ben entrando no espazo www.deputacionlugo.org

Arranca este martes a 40 tempada de Km0.Deputación de Lugo, o programa medioambiental incluído na segunda parte de Lug02, un dos tres proxectos da institución co-financiados nun 70% pola Unión Europea. Logo do éxito desta iniciativa coa participación de máis de 27.000 persoas dende a súa posta en marcha, contribuíndo ó mantemento de máis de 3.000 postos de traballo directos e indirectos, a institución garante a súa continuidade introducindo a modalidade de pago a un prezo asequible de 5 ou 8 euros. Os colexios e institutos públicos quedan excluídos.

A totalidade das persoas que xa tiñan formulado a súa inscrición para participar en Km0 foron informados previamente deste cambio, acollendoo positivamente de xeito unánime. A institución obtivo a mesma resposta por parte dos proveedores de Km0, é dicir, ós autónomos, empresarios, comerciantes, artesáns, traballadores de empresas de lecer ou aventura, etc, ós que esta programación lles ofrece unha nova oportunidade económica, ó contribuír ó mantemento dos seus establecementos.

Km0.Deputación de Lugo mantén 127 rutas que transcorren polos 67 Concellos da provincia co fin de que levar nosos ingresos á totalidade dos municipios lucenses mediante visitas guiadas nas que miles de persoas redescobren as riquezas e particulares de cada un deles. Tendo en conta a súa diversidade, a institución desglosa Km0 en 3 modalidades, garantindo a posta en valor da variedade provincial e a participación de persoas de todas as idades.

Estas son as seguintes: Km0 tradicional, con 88 rutas polas Comarcas lucenses; Km0 Xtreme que inclúe 25 alternativas para gozar de Lugo mediante a multiaventura e o deporte (viaxe sen helicóptero, globo, rutas a cabo, bicicleta de montaña, tiro ó arco, escalada, vela, catamarán, kayak, esquí náutico, surf, windsurf…); e Km0 a Compostela, a programación que, máis alá do Ano Santo, promociona todas as rutas do Camiño ó seu paso pola provincia, incluídos ós da Costa e do Inverno.

Como inscribirse
A partir do vindeiro martes, todos os interesados en participar na programación medioambiental poden inscribirse chamando ó 982-26-74/75 ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. A continuación, poderán efectuar o pago que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita 3 modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos), nas sucursais de Nova Caixa Galicia (co número de conta 20800152663110001425) ou dende a web da Deputación contando cunha vantaxe: o desconto do 10% do custe total.

Curiosidades de Km0
O rotundo éxito de Km0 queda plasmado ademais, nas experiencias particulares que viviron os participantes. Houbo lucenses que viron por 10 vez o mar ou determinadas zonas da montaña como O Piornedo. As visitas foron solicitadas por distintos colectivos e veciños. Por exemplo, un grupo de monxas que, por un día, deixaron de cumprir coas súas obrigas relixiosos. Tamén atraeu o interese dunha gran cantidade de persoas maiores, que mesmo se animaron a tomar parte na modalidade Km0 Xtreme e facer unha ruta en helicóptero, como foi o caso dunha anciá de 90 anos.

En canto ó colectivo da terceira idade, o proxecto da Deputación cumpriu unha importante labor para favorecer o envellecemento activo e evitar o illamento dos anciáns. De feito, houbo moitos maiores participantes que recoñeceron que as saídas de Km0 foron as únicas ou unhas das poucas que fixeron a fóra do seu pobo ó longo de toda a súa vida. Tamén deron lugar a unha historia de amor entre dous lucenses, que se coñeceron durante unha ruta e hoxe están vivindo xuntos. Por outra banda, a afluencia de visitantes xerada polo proxecto de rutas deu pé á constitución de varias empresas, como a das redeiras de Burela.

Os destinos máis solicitados ó longo destes tres anos de traxectoria foron A Mariña e a Ribeira Sacra, que recibiron un total 6.000 e 10.000 visitantes, respectivamente. A praia ribadense das Catedrais, declarada Monumento Natural; Illa Pancha, tamén en Ribadeo; as Covas do Rei Cintolo de Mondoñedo; o eucaliptal de Chavín, en Viveiro; os canóns do Sil e do Miño; Belesar; Os Peares; a praia fluvial e a igrexa de A Cova, en O Saviñao; ou o miradoiro do Cabo do Mundo, foron algúns dos lugares que máis sorprenderon e gustaron dentro desas dúas comarcas, xunto a outros do resto da provincia, como, por exemplo, os torrentes do Ulla, o mosteiro de Samos, as ruínas de Caldaloba, o Museo Arqueolóxico de Vilalba ou os paisaxes de Negueira de Muñiz.

Exit mobile version