Site icon Crónica3.com A Mariña

Continúa o éxito do programa Km0 con preto de 300 participantes nas rutas previstas para estes días

Nota de prensa

– A Deputación arrancou a semana pasada a 4º edición desta iniciativa incluída en Lug02, a través da que 27.000 persoas xa redescubriron a provincia dende a súa posta en marcha e coa que o organismo provincial mantén uns 3.000 postos de traballo directos e indirectos

– Gómez Besteiro recibe ó Colectivo de Xubilados da Pastoriza e a outro da Asociación “O Noso Lar” de Láncara, quenes visitaron Guitiriz e Ribadeo, respectivamente

– Km0 continúa co éxito acadado nas anteriores tempadas, confirmándose coma dinamizador da economía provincial

Preto de 300 participantes redescubrirán esta semana a Mariña, a Terra Chá e a Montaña co programa Km0. Deputación de Lugo, que iniciou a semana pasada a súa cuarta tempada e que se inclúe dentro do programa Lug02, un dos tres proxectos do organismo provincial que contou co respaldo da Unión Europea dentro da última convocatoria de fondos, e que permitirá consolidar o medio ambiente como a oportunidade económica de Lugo a través de novas iniciativas que se engaden ás xa desenvolvidas. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este martes a un grupo do Colectivo de Xubilados da Pastoriza e a outro da Asociación “O Noso Lar” de Láncara, quenes visitaron o Concello de Guitiriz e o de Ribadeo, respectivamente. No primeiro caso logo de coñecer a Deputación e a Fundación TIC, o grupo da Terra Chá percorreu as intalacións do Balneario e do campo de golf do municipio guitiricense, coñeceu o paseo de Sete Muíños e a Igrexa, e descubriu os segredos da fabricación da famosa tarta de millo.

Por outra banda, os integrantes da asociación lancaresa, tras visitar o Centro de Artesanía e Deseño, desprazáronse á Ribadeo para desfrutar das diferentes actividades propostas, como unha travesía en barco pola ría de Ribadeo, un agradable paseo polo seu porto, admirar as vistas dende o ascensor panorámico ou percorrer as rúas do casco histórico da localidade mariñana.

O mércores será o turno dos solicitantes individuais e da Asociación de Vecinos “Santa Cruz de Viana”, de Chantada. Os primeiros dirixiranse a Pena Tallada, visitando a Igrexa de Tórbeo antes de comezar unha ruta a pé ata Cubelas e coñecer a Aula Forestal “Os Trollos” de Bóveda. Pola súa banda, a asociación vecinal chantandina achegarase ata a Costa lucense para coñecer as praias das Catedrais e dos Castros, visitar o aeródromo de Villaframil e os castelos de San Damián e Cargadoiro, así como o caso histórico de Ribadeo. Esta ruta das Catedrais será a que realizarán os integrantes da Asociación Cultural “O Paso de San Pedro” de Ribas de Sil o xoves, día 29.

Ese mesmo día, a Asociación “Os Farnagueiros” do Incio visitará a Montaña luguesa, redescubrindo os encantos do Castro de Couso, o pazo de Quindós ou o castelo de Doiras, en Cervantes.

127 rutas polos 67 Concellos

Na súa 4º tempada Km0.Deputación de Lugo mantén 127 rutas que transcorren polos 67 Concellos da provincia co fin de levar novos ingresos á totalidade dos municipios lucenses mediante visitas guiadas nas que miles de persoas redescobren as riquezas e particulares de cada un deles. Logo do éxito desta iniciativa coa participación de máis de 27.000 persoas dende a súa posta en marcha, contribuíndo ó mantemento de máis de 3.000 postos de traballo directos e indirectos, a institución garante a súa continuidade introducindo a modalidade de pago a un prezo asequible de 5 ou 8 euros. Os colexios e institutos públicos quedan excluídos.

Tendo en conta a súa diversidade, a institución desglosa Km0 en 3 modalidades, garantindo a posta en valor da variedade provincial e a participación de persoas de todas as idades. Estas son as seguintes: Km0 tradicional, con 88 rutas polas Comarcas lucenses; Km0 Xtreme que inclúe 25 alternativas para gozar de Lugo mediante a multiaventura e o deporte (viaxe sen helicóptero, globo, rutas a cabo, bicicleta de montaña, tiro ó arco, escalada, vela, catamarán, kayak, esquí náutico, surf, windsurf…); e Km0 a Compostela, a programación que, máis alá do Ano Santo, promociona todas as rutas do Camiño ó seu paso pola provincia, incluídos os da Costa e do Inverno.

Todos os interesados en participar na programación medioambiental poden inscribirse chamando ó 982-26-74/75 ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. A continuación, poderán efectuar o pago que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita 3 modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos), nas sucursais de Nova Caixa Galicia (co número de conta 20800152663110001425) ou dende a web da Deputación contando cunha vantaxe: o desconto do 10% do custe total.

Exit mobile version