Site icon Crónica3.com A Mariña

Cultura e Turismo destina 187.000 euros a mellorar dous tramos do Camiño Norte en Lourenzá

Nota de prensa:
Cultura e Turismo destina 187.000 euros a mellorar dous tramos do camiño norte ao seu paso polo concello lucense de Lourenzá

A directora xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo comprobou hoxe os traballos de recuperación, considerados urxentes polo mal estado da ruta en dous puntos do concello debido á súa pendente e á acción das choivas

Lourenzá (Lugo), 15 de setembro de 2011.- Cun investimento de 187.000 euros, a Consellería de Cultura e Turismo, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, está a recuperar e mellorar o trazado de dous tramos do Camiño Norte no concello lucense de Lourenzá. As obras considéranse urxentes, debido ao mal estado da ruta nestes puntos, ambos os dous caracterizados por fortes pendentes, o que agrava os efectos da acción meteorolóxica continuada, especialmente das choivas, segundo destacou hoxe en Lourenzá a directora-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero. A titular desta empresa pública inspeccionou os traballos de recuperación na compaña do alcalde do concello, Vidal Martínez-Sierra López.

Un dos trazados que se están a recuperar, cun orzamento de 85.000 euros, está no lugar de San Xusto de Cabarcos e ten unha lonxitude de douscentos cincuenta metros. O segundo, na variante do Camiño Norte que chega á capitalidade municipal de Vilanova de Lourenzá a través do concello de Trabada, limítrofe con Asturias, ten un custe de 102.000 euros. Sitúase na zona de San Lourenzo e abrangue seiscentos metros de ruta.

As obras pretenden mellorar a funcionalidade do Camiño, ao ser lugar de paso continuado de peregrinos, pero preservando a súa singularidade mediante actuacións adaptadas ao entorno e que manteñen o seu carácter patrimonial. Ambas iniciativas inclúense no Plan Corrector dos Camiños de Santiago en Galicia posto en marcha pola Consellería de Cultura e Turismo en 2010.

Exit mobile version