Site icon Crónica3.com A Mariña

Cultura e Turismo inicia en Cervo as obras de protección do asentamento castrexo de Punta Atalaia

Nota de prensa:
CULTURA E TURISMO INICIA NO CONCELLO DE CERVO AS OBRAS DE PROTECCIÓN DO ASENTAMENTO CASTREXO DE PUNTA ATALAIA

Os traballos comezaron esta mesma semana e teñen como obxecto evitar o potencial deterioro do castro como consecuencia, principalmente, da súa situación exposta ás inclemencias da climatoloxía.
As estruturas protexeranse con material xeotéxtil e serán reforzadas con sacos terreiros, co obxecto de conferir firmeza e sustentación provisional ao xacemento. Finalmente, o conxunto protexerase con árido de pequeno diámetro. Todas as actuacións teñen un carácter reversible.

Santiago, 24 de setembro de 2011.- A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, comezou esta semana a execución dos primeiros traballos para a protección do xacemento arqueolóxico de Punta Atalaia, no municipio lucense de Cervo. A actuación ten por obxecto evitar o deterioro do castro a causa, principalmente, das inclemencias meteorolóxicas.

Con carácter previo a estes traballos de protección realizáronse tarefas de documentación para precisar o estado actual de conservación dos restos, coa elaboración da correspondente documentación planimétrica e fotográfica. Unha vez rematadas estas tarefas de documentación, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural inicia agora a actuación deseñada para protexer todos os restos escavados e evitar o seu potencial deterioro como consecuencia da súa localización, exposta ás inclemencias da climatoloxía. Os efectos negativos da climatoloxía poden verse agravados ademais pola natureza dos terreos de sustentación das estruturas, fondos areosos pouco cohesionados.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural protexerá as estruturas con láminas de material xeotéxtil e, a continuación, realizaranse reforzos das estruturas con máis alzado por medio da colocación de sacos terreiros, co obxecto de conferir firmeza e sustentación provisional ás estruturas. Finalmente, protexerase con árido de pequeno diámetro todo o conxunto. Deste xeito, as estruturas ficaran protexidas con seguridade, á espera das decisións sobre ás intervencións que se requiran no futuro para este conxunto. Todas as actuacións realizadas neste ben arqueolóxico son de carácter reversible.

Interese arqueolóxico

O xacemento de Punta Atalaia é un asentamento castrexo, pertencente ao período galaico-romano (séculos I-III d.C), que se encadraría nun tipo de asentamentos costeiros documentados na costa cantábrica galega, emprazados no estremo dunha península e romanizados na súa práctica totalidade. Os resultados das intervencións arqueolóxicas realizadas constatan a existencia de restos de interese neste asentamento castrexo de Punta Atalaia, situado no extremo norte na península de San Cibrao.

O conxunto dos restos arqueolóxicos exhumados evidencian unha complexidade urbanística froito dunha longa ocupación deste espazo, con presenza dunha ampla variedade tipolóxica de edificacións, -destacando as de planta oblonga con esquinas redondeadas, circulares e cadradas-, estruturas de acondicionamento e adaptación á topografía dos terreos, e espazos enlousados entre as construcións.

Xunto á densidade e variedade de estruturas arqueolóxicas documentadas, cómpre destacar a recuperación de abundantes materiais mobles de boa calidade:

– restos latericios (tégulas, ímbrices, ladrillos)

– cerámicas (indíxena, común romana, T.S.H. e medieval)

– metais (moedas, fíbulas e escouras)

– restos pétreos (fusaiolas, fichas de xogo)

– restos orgánicos (cunchas, ósos, espiñas de peixe).

Este conxunto de materiais son determinantes para a investigación deste xacemento así como para outros estudos arqueolóxicos no conxunto da Mariña Lucense.

Exit mobile version