Site icon Crónica3.com A Mariña

Curros en Foz

CURROS EN FOZ

Arredor dun cento de persoas asistiron o pasado venres ó acto que, promovido pola Asoc. Cultural O Mundo de Galea e o grupo de teatro Caolipe do Valadouro, desenvolveose na Casa da Cultura de Foz, co gallo de cumprirse ese día o 160 aniversario do nacemento do insigne poeta Manuel Curros Enriquez Trala audición de “Na morte de Curros” dos Tamara e a voz de Pucho Boedo, deo comezo a charla que puxo de relevo a apaixoada vida e a obra excelsa do que foi primeira figura da historia cultural da nosa terra que, con Rosalía e Pondal, forman a triloxía dos meirandes intelectuais do Rexurdimento galego do S. XIX. Coñecidas composicións súas son “A Virxe do Cristal”, “Un adiós a Mariquiña”, “Os teus ollos”, “Unha noite na eira do trigo” etc.…recollidas todas no libro “Aires da miña terra”.,
Manuel Curros nacera en Celanova, fermosa vila ourensa onde se atopa o magno mosteiro de San Salvador, fundado no S. X, por San Rosendo,  por este persoeiro que fora bispo en San Martiño de Mondoñedo e principal impulsor da súa igrexa, entón catedral.
Por diferencias co proxenitor, Curros abandona a casa familiar ós 15 anos e vaise a Madrid onde, entre mil penurias, dedícase ó xornalismo. A vida do poeta foi unha sucesión de desventuras, mantendo sempre, a pesares deso, a independenza e a dignidade, mesmo ante os avatares mais adversos. Morreo na Habana, en 1908, ós 57 anos de idade.
O grupo Caolipe proxectou a película, de producción propia, “ O primeiro paciente” que sorprendeo ós espectadores polo traballo duns intérpretes que se diría avezados profesionais. Cun argumento fondamente humán, guión e dirección de Pepe Peinó, que remata cun canto ó valor sublime da amizade, o atractivo de paraxes que nos son familiares e unha música doce, axeitada, fixeron que a velada resultara un éxito e así o apreciaron os asistentes, que saíron compracidos da mesma. Os nosos parabéns
Curros Enriquez foi motivo de diversas homenaxes ó longo da vida e despois da morte. A Coruña, Madrid e A Habana foron as localidades que principalmente acolleron as homenaxes mais multitudinarias; foi a última destas na capital de Cuba onde en 1951, centenario do nacemento, tributouse ó vate de Celanova unha afervoada exaltación á súa personalidade, humana e intelectual, por parte de tódolos colectivos galegos da illa.
Fora principal impulsor da mesma unha persoa que anos mais tarde, entre 1964 e finais de 1968 vivíu en Foz, entón exiliado en Cuba. Político que fora na República, escritor e xornalista, don Ramón Fernández Mato. O tempo da sús estadía entre nós propiciou á nosa vila un clima cultural que nunca tivera, nen volveo a ter.O marchar de Foz mercou unha casa en Vilagarcía de Arousa (él era ribeireño daquela ría, de Boiro) e ali visitamolo mais dunha vez.
A casa “Miña terra”,que a mercara a un indiano tiña unha fermosa finca que a arrodeaba e nela unha plantación de vide que na pequena adega permitíalle elaborar o viño para o autoconsumo. Na mellor estancia da vivenda tiña a súa espléndida biblioteca e nela, amais dos numerosos libros, penduraban nas paredes fotografías de escritores, xornalistas, toreiros, actrices e outras xentes da farándula amigos seus..
Wenceslao Fdez. Florez, o celebrado escritor coruñés autor, entre outras de “El bosque animado” que tan popular se fixo ó pasar ó cine, tiña unha faciana singular, moi propia para os caricaturistas, con un nariz prominente e forma aguileña. A foto que dél tiña Mato decía na dedicatoria: “Mira si te querré que por ti me retraté de perfil”.

Suso Fernández

Exit mobile version