Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia ante a reforma da Política Pesqueira Común

Galicia ante a reforma da Política Pesqueira Común

Cómpre lembrar que nas pasadas eleccións europeas desde o Partido Popular insistiamos na importancia de que Europa non debe ser entendida como unha amenza, senón como unha oportunidade. Hoxe máis que nunca faise necesario cumprir esta obxectivo, agora cando vemos como os grandes debates sobre o futuro dos principais sectores económicos xa só poden abordarse en conxunto, entre os 27 Estados membros.

Un deses debates que maior importancia adquire para Galicia, como principal potencia neste ámbito, é o da reforma da Política Pesqueira Común. Existe unha constatación unánime que acredita que o actual modelo xa está esgotado e fracasado, e temos que avanzar a novas fórmulas de xestión da nosa pesca que pasen por ofrecer garantías de futuro e por fortalecer e non debilitar á nosa flota.

Claro que calquera novo modelo ten que partir da explotación sostible dos recursos, por un sector pesqueiro saneado e eficiente, pero este debe facerse desde a garantía que ofrecen a rigorosidade e total coñecemento dos datos científicos sobre a situación real dos stocks pesqueiros, así como tamén desde unha análise que teña en conta o impacto social e económico das decisións a adoptar.

Fraco favor estaremos facendo ao sector se a reforma da Política Pesqueira Común convértese nunha ameaza de desmantelamento da flota e perda de postos de traballo. Non ten sentido algún que perseguindo a boa intención de favorecer á nosa pesca, en realidade esteamos condenando á desaparición dun sector económico, cultural e social como é o pesqueiro, sinal de identidade dunha Galicia desde sempre ten un dos seus principais latexos no mundo do mar.

Para o PP sempre será unha prioridade a preservación do maior número de empregos na pesca, principio irrenunciable. Superada a data do 2013, cando se aplicarán as novas directrices temos que seguir falando de futuro e de oportunidades e calquera decisión que vai en sentido contrario non é aceptable, nin pode ser asumida por España, moi a pesar de que entre os socios europeos exista a certeza de que o actual Executivo socialista é un goberno débil, provisional, a punto de marcharse, incapaz de ofrecer unha posición de forza.

Galicia, as súas institucións, a Consellería do Mar -aliada preferente dos propios representantes do sector-, lidera a defensa dos intereses da nosa flota. Traballemos, en definitiva, por facer realidade a Europa das oportunidades, tamén para a nosa pesca. Para que conceptos como a estabilidade relativa, os TAC e cotas desaparezan, se proceda á apertura do mercado de dereitos de pesca entre os distintos estados membros, e creemos confianza no moito que aínda pode ofrecer o mundo do mar, da pesca e do marisqueo.

Jose Manuel Balseiro Orol

Voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular

Exit mobile version