Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia e Asturias ven necesario constituír os órganos de goberno da Reserva da Biosfera do río Eo

Nota de prensa:
GALICIA E ASTURIAS COINCIDEN NA NECESIDADE DE CONSTITUIR OS ÓRGANOS DE GOBERNO DA RESERVA DA BIOSFERA RÍO EO, OSCOS E TERRAS DE BURÓN

As dúas comunidades autónomas convocarán unha xuntanza da Comisión Provisional da Reserva da Biosfera co obxecto de propoñer a constitución formal dos órganos e participación pública

Santiago, 24 de setembro de 2011.- O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, reuniuse esta semana co viceconselleiro de Recursos Autóctonos do Principado de Asturias, Luís Peláez, para poñer de manifesto a necesidade de impulsar a constitución dos órganos de Goberno e participación pública da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, entre outros temas.

A Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón constitúe unha oportunidade de avance para este territorio que terá como meta o desenvolvemento sostible no seu sentido máis amplo. A conservación da biodiversidade e a paisaxe, a intensificación de máis e mellores programas de turismo, a calidade como referente territorial, a mellora da capacidade empresarial, o impulso das novas tecnoloxías e a mellora da proxección exterior serán -entre outros- os retos e os desafíos para este territorio.

Tamén se analizou o Plan de Acción da Reserva, do cal xa existe un documento borrador elaborado de xeito conxunto polas dúas CCAA, será presentado aos órganos de xestión da Reserva da Biosfera. Este plan constituirá un elemento clave no desenvolvemento desta área, na medida que conterá as liñas e directrices de impulso para os próximos anos.

De igual xeito, ambos directivos trataron a coordinación de accións en materia de pesca continental nos ámbitos de xestión conxunta, principalmente no río Eo. Acordouse unha vindeira xuntanza técnica, neste mes de setembro, para abordar a coordinación da próxima tempada de pesca nos ríos compartidos Eo e Navia.

Convenios de colaboración

Na xuntanza de traballo analizouse ademais o estado de execución dos convenios de colaboración subscritos por ambas comunidades co Estado. No caso de Galicia executouse un convenio que se firmou no ano 2009 co Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (Marm) por un importe de 500.000 euros, mediante o cal abórdase a redacción do Plan de Acción, a primeira fase da sinalización da Reserva, así como tamén para colaboracións cos concellos -encamiñadas na posta en valor dos recursos de cara mellorar o estado de conservación e de desenvolvemento da área-.

A Consellería do Medio Rural subscribiu ademais un convenio de colaboración co Marm para dotar a esta Reserva dun programa de accións por importe de 1,7 millóns de euros, que se encontra na actualidade en execución.

Reserva da biosfera

A función principal das reservas da biosfera é conciliar a conservación e protección da biodiversidade co desenvolvemento económico e humano destas zonas, así como a investigación, educación e intercambio de información entre as diferentes reservas que forman a rede mundial.

A Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón naceu no ano 2007, despois da súa aprobación pola UNESCO. Esta declaración é froito da candidatura conxunta presentada pola Xunta de Galicia e o Principado de Asturias. Son catorce municipios os que forman parte deste espazo, dos cales sete son asturianos (San Tirso de Abres, Vegadeo, Castropol, Taramundi Santa Eulalia, Villanueva e San Martín de Oscos) e sete lucenses (Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz).

En total, a Reserva conta cun territorio de 158.883 hectáreas declaradas, das cales 107.913 corresponden a Galicia e 50.970 ao Principado de Asturias, e nela residen 34.000 persoas.

Exit mobile version