Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela asegura que hai moi boa intención de Fomento para que o PXOM saia adiante

Nota de prensa

GONZÁLEZ BARCIA CONSIDERA QUE HAI MOI BOA INTENCIÓN DE FOMENTO PARA QUE O PXOM DE BURELA SAIA ADIANTE. EN VINDEIRAS XUNTANZAS TÉCNICAS ANALIZARASE A POSIBILIDADE DE LEVANTAR PARCIAL OU TOTALMENTE A AFECTACIÓN DA VARIANTE EN VARIAS ZONAS.

Burela, 27 de setembro de 2011. O alcalde, José María González Barcia, realizou unha valoración positiva do encontro mantido esta mañá na Coruña coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia para analizar a implicación da rede viaria estatal na elaboración do PXOM de Burela.

González Barcia indicou que “imos tentar clarificar en próximas xuntanzas en Lugo a liña de edificabilidade no que respecta á variante de Burela” e contou que “hai un avance importante xa que é probable que en moitas zonas se poida levantar total ou parcialmente esa afectación existente agora dos 100 metros. E a partires de aquí entran en xogos as reunións técnicas para ver onde se pode realizar ese levantamento”.

No encontro desta mañá “tamén quedou máis clara a proxección desa hipotética autovía Barreiros-San Ciprián sobre o noso planeamento. Hai que lembrar que o trazado proposto por Fomento no seu día non coincidía coas perspectivas que tiña o Concello e éste presentou alegacións. A conclusión da xuntanza de hoxe apunta a que non é malo que nós fagamos unha reserva de superficie para unha futura infraestructura, que podería ser tanto a proposta por Fomento como a que nós plantexamos no seu momento como acceso ao parque empresarial da zona de A Puída”, seguiu a relatar o rexedor bureles. O equipo de goberno entende que “hai posibilidade de atopar solucións que acomoden os intereses de Fomento cos do Concello de Burela”.

José María González Barcia considera que “na xuntanza de hoxe houbo unha exposición clara dos intereses que nos moven para poder sacar adiante o PXOM coa mínima afectación posible da variante actual e tendo en conta tamén esa reserva de suelo que se prevé para unha futura nova infraestructura. Todo apunta a que Fomento poñerá enriba da mesa toda a colaboración posible para que o PXOM de Burela saia adiante”. E anunciou que “para a vindeira semana os nosos técnicos e os da empresa que está a elaborar o plan xeral se porán en contacto cos de Estradas en Lugo para continuar avanzando no que hoxe se falou”. O alcalde subliñou que “hai moi boa intención de Fomento para que o plan xeral de Burela saia adiante”.

Barcia recalcou que “a reunión foi positiva, xa que nos da pé a continuar traballando cunha certa seguridade no PXOM. Así se pecha un proceso de conversas tanto coa administración autonómica como coa administración do Estado, que nos permiten traballar cunha certa garantía de continuidade, traballar baseándonos nas conversas mantidas coas dúas administracións, cousa que ata o de agora prácticamente non se fixera, e nos permite tamén ver con máis optimismo o futuro do PXOM. De momento queda un traballo importante por facer, polo que aínda é cedo para adiantar prazos. Eso igual podemos facelo en mes ou mes e medio, pero de momento non”.

Ao encontro celebrado esta mañá na Coruña asistiron o concelleiro de Urbanismo, Manuel Fernández Valle, o técnico municipal e tamén os técnicos redactores do PXOM.

Comisión seguimento

A vindeira semana reuniráse a comisión informativa de seguimento do PXOM no Concello de Burela, segundo adiantaba o alcalde, “xa onte se lles adiantou esta nova aos representantes dos grupos políticos nas comisións informativas, previas ao pleno do vindeiro xoves”.

Exit mobile version