Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo deu resposta no pleno a preguntas formuladas pola asociación veciñal O Tesón

Nota de prensa
Contestacións no pleno á AVV O Tesón
No pasado pleno do luns 19 de setembro, a AVV O Tesón tiña presentado dúas preguntas, ó tempo que lle foron contestadas outras dúas pendentes de resposta dende o pleno de novembro pasado.
Comezando por estas últimas, a información obtida, en breve, foi:
-Pregunta 1: Tendo xa inaugurado o ascensor, e vendo a súa necesidade de coidados, solicitamos coñecer o estudo económico para o seu mantemento e funcionamento, ou, no seu defecto, o custe de mantemento dende a inuguración ata a actualidade.
A resposta foi curta: No 2011 téñense xerado 2012 € de diversas facturas e 812 € de electricidade, a falta dalgún cargo, como os de limpezas esporádicas. Proxectando o resultado da contestación ó ano, saen uns 4 000 € (o alcalde citou ‘arredor de 3 000’). Entendemos ademáis que o mantemento dunha estrutura como a do ascensor é algo máis que luz, limpeza e contrato coa compañía de ascensores.
-Pregunta 2: Vendo que segundo art. 38.1 do “Regulamento Xeral de Circulación”, está especificado que “os conductores de bicicletas maiores de 14 anos poderán circular polos arcenes das autovías, salvo que por razóns xustificadas de seguridade vial se prohíba mediante a siñalización correspondente. Dita prohibición complementarase cun panel que informe do itinerario alternativo”, notamos que no caso da autovía en Ribadeo aparentemente se cumpre isto. Por elo, solicitamos saber por que non hai itinerario alternativo ou por que non se elimina a prohibición expresa que aparece na entrada da autovía, ou alternativamente, as xestións realizadas para a normalización da situación.
A resposta básicamente consistiu en que está feita unha reclamación verbal, pero farase unha reclamación escrita que aínda non se fixo por non ter tido tempo antes. Polo momento, todos sabemos como está o tema de atravesar a ponte en bicicleta.
En canto as preguntas correspondentes a este mes …
-Pregunta 1: Tendo medido este verán só no eixo parque – xardín, sen rúas adxacentes, só terrazas (cobertas, descobertas, con mesas, con bocois, cerradas, abertas, con pantalla, sen ela, a unha beira, a ambas, …), máis de 1 000 m², e xa que pode ter aspectos positivos o aumento de terrazas, pero seguramente deba marcarse algún tipo de límite ou condición, solicitamos coñecer as condicións de concesión e a recaudación efectuada por este concepto.
A resposta foi que ó parecer as terrazas dependen dunha vella normativa que está a revisarse para ser presentada ó pleno en breve. É dicir, sobreenténdese que o equipo de goberno non está totalmente de acordo coa situación actual. En canto a que sentido ten a revisión ou cales eran (son aínda) os puntos fundamentais da normativa en vigor que se pretende cambiar, non foi especificado nada. En relación ó importe recaudado, non houbo contestación do montante, pero si foi especificado que a tarifa está en 5,88 €/m². Non houbo máis especificacións, a parte de aclarar na mesma lectura da pregunta que quen dicía o dos 1 000 m² era a AVV.
-Pregunta 2: Habéndose recibido polo concello unha nova partida de bicicletas dun comercio recentemente instalado en Ribadeo, e descoñecendo o paradeiro das anteriores, solicitamos coñecer que se fixo coas bicicletas anteriores e por que, así como os resultados da súa instauración.
A resposta incluíu que o resultado é positivo ó ser unha doazón. En canto ás vellas, deben estar a bo recaudo en dependencias municipais para chatarra debido ó seu mal estado. Antigüidade das bicis vellas? 6 anos. Non se especificou que se fixo para conservalas.
Escoitaron as respostas, a máis do pouco público presente a aquela hora, os edís e persoal do concello asistente ó pleno, a excepción do representante do PSOE Eduardo Gutiérrez, que abandoou o salón ó seren anunciadas.

Exit mobile version