Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo ve positivo o acordo do Ministerio e a Xunta para a protexer o patrimonio arqueolóxico da ría

Nota de prensa

SUÁREZ BARCIA VALORA POSITIVAMENTE O PROXECTO DE PROTECCIÓN DO PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO SUBACUÁTICO QUE HOXE SE PRESENTOU EN RIBADEO. O ALCALDE PEDÍULLE Á XUNTA QUE AS PEZAS QUE SE RECUPEREN NA RÍA QUEDEN AQUÍ, PORQUE “CONTAMOS CON ESPAZOS ACOLLEDORES PARA ESTES RESTOS”.

Ribadeo, 27 de setembro de 2011. O alcalde, Fernando Suárez, valora de xeito positivo o proxecto de protección do patrimonio arqueolóxico subacuático que hoxe se presentou en Ribadeo. O rexedor pedíulle á Xunta que as pezas que se recuperen na ría de Ribadeo queden aquí, porque “contamos con espazos acolledores para eses restos, unha vez que se sometan aos tratamentos correspondentes”.

No acto que se desenvolvía esta mañá Suárez Barcia valorou positivamente “o acordo ao que chegaron entre o Ministerio e a Xunta para, singularmente na ría de Ribadeo, dar cumprida execución a unha idea que se suxeriu hai tempo a través dunha asociación de submarinismo, creada recentemente, Illa Pancha, que nos alertou dunha serie de restos de arqueoloxía submarina que estaban no canal en diferentes posicións dentro da ría de Ribadeo e que era unha pena que produto de inmersións non autorizadas ou de dragados puideran acabar perdidos para sempre”.

O alcalde agredeceu que “dentro dos diferentes puntos do litoral vos acordásedes tamén da ría de Ribadeo. Esta ría ten un porto desde hai varios séculos que alberga riqueza arqueolóxica de incalculable valor. E tamén o resultado deste traballo que seguramente se localizará e quedarán marcadas as posicións deses pecios, seguro que haberá cousas que non se poderán mover e que será mellor que non se movan, será mellor que queden cousas grandes documentadas que nin se poidan mover nin se poidan roubar. Pero aquelas cousas que sí se poidan mover sería convinte sacalas á superficie e desde o Concello quereríamos facer, como lóxicamente nos correspondería, que estas pezas non foran para o Museo do Mar de Vigo, senón que articulásemos entre a Xunta e o Concello un lugar para que se quedasen en Ribadeo para o disfrute de toda a poboación local e de todos os visitantes. Temos espazos que poderían ser perfectamente acolledores destas pezas despois do tratamento lóxico de recuperación e de estabilización para que non se degraden”.

Fernando Suárez ofreceu “a colaboración máxima, como sempre ofrecemos, desde o Concello de Ribadeo, e pedirvos que utilicedes e que aproveitedes o voluntarismo e a entrega que ten esta asociación de submarinistas de Ribadeo. E moitas gracias por esta iniciativa tan positiva”.

Exit mobile version