Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG advirte que máis dun 62% do orzamento do concello de Barreiros vai destinado a cubrir gastos de persoal

Nota de prensa

O BNG ADVIRTE QUE MÁIS DUN 62% DO ORZAMENTO DO CONCELLO DE BARREIROS VAI DESTINADO A CUBRIR GASTOS DE PERSOAL. OS NACIONALISTAS CONSIDERAN QUE OS PRESUPOSTOS DE 2011 SON UN REFLEXO DA NEFASTA XESTIÓN QUE ESTÁ A LEVAR ADIANTE O PP.

Barreiros, 27 de setembro de 2011. O goberno municipal de Barreiros presentou onte en pleno os orzamentos para o ano 2011. Os nacionalistas advirten que máis dun 62% de dito orzamento vai destinado a cubrir gastos de persoal. No BNG consideran que eses presupostos son un reflexo da nefasta xestión que está a levar adiante o PP e subliñan que “tendo en conta que durante este ano se fixeron dous recoñecementos extraxudiciais de crédito por un importe de preto de 700.000 euros para pagar débedas, o gasto de persoal supón máis do 92% do orzamento que queda dispoñible”.

Desde o BNG consideran “que estes orzamentos están completamente fóra de prazo. Présentanse practicamente co ano rematado e reflectindo gastos que xa están realizados na práctica totalidade. A inicios de ano e sen ter aprobados orzamentos, aprobáronse dous recoñecementos extraxudiciais de crédito que van contra o orzamento deste ano para pagar débedas de anos anteriores. Polo tanto, xa se está partindo dun orzamento irreal ao contar de inicio con 700.000 euros menos”.

No sesión de onte presentóuse un orzamento por un importe de 3.397.458,78 euros, dos cales 2.132.559,77 euros van destinados a cubrir gastos de persoal. “Cun cálculo sinxelo vemos que este custe supón un 62, 77% do orzamento total. Pero se temos en conta que dese orzamento hai que restar os 700.000 euros que se aprobaron para pagar débedas, queda un orzamento de 2.697.458,78 euros; co cal os gastos de persoal supoñen un 92,23% dese orzamento”, explican os nacionalistas. Dende o BNG consideran que “non é normal que un Concello deixe só un 8% do orzamento para facer fronte a gastos dun exercizo” e pregúntanse cales son as inversións previstas con tal cantidade de diñeiro dispoñible.

Para os nacionalistas estes orzamentos “non son máis que o reflexo da nefasta xestión que se está a levar a cabo no Concello de Barreiros, un concello con pouco máis de 3.000 habitantes que conta no 2011 cun total de 175 traballadores, unha cifra superior a concellos veciños que triplican a súa poboación. O Concello de Barreiros conta na actualidade con dúas liberacións de membros do equipo de goberno, 21 funcionarios, 35 postos de persoal laboral fixo e 117 traballadores temporais. O seu coste agota prácticamente a totalidade do orzamento barreirense”, segundo sinalou a voceira do BNG no Concello de Barreiros, Ana Ermida.

Os nacionalistas barreirenses votaron en contra destes orzamentos por consideralos “non axustados á realidade, ao existir partidas de gastos reducidas conscientemente sabendo que non son suficientes para facer fronte ao compromiso adquirido, co simple obxectivo de facer cadrar ás contas. É especialmente significativo o caso da partida de subvencións a entidades culturais e deportivas, que reflicte un orzamento de 10.000 euros que non chega nin para cubrir as subvencións nominativas que o Concello ten establecidas á agrupación folclórica O Arco da Vella, aos clubes de fútbol e ao clube ciclista. Polo tanto, está claro que os orzamentos non se axustan á realidade e que están feitos para cadralos artificialmente”, aseguran desde o BNG.

“Con esta xestión, preocúpanos fondamente como pensan arranxar todos estes desfases no orzamento do vindeiro ano 2012, tal e como se lles ten advertido incluso desde intervención; xa que ese orzamento tería que iniciarse cun superávit suficiente para cubrir o déficit xa xerado”, indica Ermida.

Tres mocións do BNG foron aprobadas por unanimidade

No pleno de onte foron debatidas, e aprobadas por unanimidade, tres mocións presentadas polo BNG para demandar da Xunta de Galiza o mantemento do servizo nocturno da ambulancia asistencial na Mariña, para a promoción turística dos baños de setembro e para a construcción dun pantalán flotante na zona da Anguieira. Ademais destas mocións tamén se solicitou da Alcaldía que se fixeran as averiguacións pertinentes ao respecto da presunta apropiación por parte dun promotor privado dun terreo municipal na zona do San Bartolo e que se fixeran as xetións oportunas para garantir e executar as melloras previstas na estrada Reme-Vilamar. Ademais, pediuse información sobre o saneamento en Viladaíde e sobre a non incorporación da secretaria municipal ao seu posto de traballo.

Exit mobile version