Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia a situación de desgoberno do concello e que só se perderon servizos que había en Foz

Nota de prensa

O BNG DE FOZ DENUNCIA A SITUACIÓN DE DESGOBERNO DO CONCELLO

“Ata agora co novo goberno só se perderon servizos públicos que había”

Foz, 30 de setembro de 2011.- O BNG quer denunciar o estado de desgoberno no que se atopa actualmente o Concello de Foz. Despois de ter pasado os cen días de rigor do novo goberno o BNG ve con moita preocupación o deterioro e o abandono na maior parte dos servizos públicos municipais, así como a perda doutros servizos como o da ambulancia do 061 ou do médico de urxencias.

O primeiro que podemos comprobar é que aqueles servizos que viñan funcionando con normalidade agora simplemente non funcionan. Temos o caso da Biblioteca Municipal que pecha polas tardes por non cubrir a ausencia da titular que está de vacacións. Outro tanto ocorreu coa Casa da Xuventude, pechada todo o mes de agosto. Todos estes servizos municipais que son pagados con cartos públicos e cos impostos dos veciños vense recortados segundo o Grupo Municipal do PP porque “non hai cartos” pero máis ben é consecuencia dunha falta de dilixencia e de resolución do propio Grupo de Goberno e do Alcalde. Para o BNG é intolerable que un servizo público, como pode ser a Biblioteca ou a Casa da Xuventude, deixen de funcionar e prestar os seus servizos porque a persoa que a atende teña de baixa médica ou collera as vacacións. O mesmo pasa co servizo de limpeza dos edificios públicos, como por exemplo o Cenima, que levaba máis dun mes sen limpar e acumulándose o lixo. Tamén moitas dependencias das delegacións do goberno están sen abrir como pasa coa oficina de Medio Ambiente no propio Cenima, onde moita xente non entende como está pechada sen ningunha explicación.

Outras das eivas do PP Goberno Municipal é a incapacidade de resolver os numerosos problemas que, se ben se arrastraban de anos precedentes, hoxe continúan e en moitos casos se agravan. Estamos a referirnos ao abandono das vías públicas e da falta de limpeza, ao mal funcionamento do alumeado e do seu mantemento, á falta de solución dos pasos elevados ilegais (a pesar de telo denunciado o propio PP na anterior lexislatura), aos problemas de tráfico e da súa regulación…. Por outra parte non se coñece ningunha nova iniciativa nin xestión do alcalde para traer novos servizos ou infraestructuras para Foz, senón máis ben para que desaparezan sen que el diga nada.

Desde o BNG facemos un chamamento ao Grupo de Goberno para que se poña dunha vez por todas a gobernar polo ben de todos e todas os veciños e veciñas de Foz. “Ata agora o que parece é que o alcalde e o grupo municipal de goberno están esperando que se solucionen as cousas por si soas e iso é cousa imposible” afirmou o portavoz municipal do BNG, Basanta.

Exit mobile version