Site icon Crónica3.com A Mariña

Os centros escolares de infantil e primaria da provincia de Lugo inician o curso con normalidade

Nota de prensa:
OS CENTROS ESCOLARES DA PROVINCIA DE LUGO INICIAN O CURSO EN INFANTIL E PRIMARIA CON NORMALIDADE NAS AULAS

Un total de 19.935 alumnos e alumnas comezan hoxe as clases, o que supón un 1,2% máis que o ano pasado
O incremento de alumnado incide basicamente na capital lucense, onde se sumaron dúas novas unidades de Educación Infantil no CEIP Casás e no de CEIP de Albeiros

Lugo, 12 de setembro de 2011.- Un total de 19.935 escolares comezaron hoxe as clases nos distintos niveis de educación infantil e primaria na provincia de Lugo. O dato revela un repunte da matrícula, do 1,2%, con respecto ao pasado ano, no que foran 19.692 nenas e nenos os que se incorporaran ás aulas.

O incremento do alumnado incide basicamente no concello da capital, onde o departamento educativo incrementou a dotación existente con dúas novas aulas de Educación Infantil, concretamente no CEIP Casás e máis no colexio de Albeiros.

Cabe destacar que máis do 73% do alumnado da provincia de Lugo estuda en centros públicos, mentres que o 25,2% acude a centros concertados e tan só o 1,6% opta por centros privados non concertados.

O curso deu comezo con normalidade nos 127 centros educativos da provincia que hoxe reabrían as súas portas, 96 dos cales imparten educación infantil e primaria, 25 asumen os ciclos de primaria e secundaria, e 6 dedícanse exclusivamente á educación infantil.

A Xefatura Territorial de Educación da Delegación Territorial de Lugo valorou positivamente o desenvolvemento da xornada, destacando o feito de que a volta ás aulas transcorrese coa normalidade necesaria para os alumnos e alumnas así como para a comunidade educativa en xeral.

198.000 alumnos na comunidade

No conxunto de Galicia inician hoxe o curso máis de 198.000 escolares, que estarán atendidos por todos os mestres que precisen para a súa educación, garantindo a calidade na mesma.

Hoxe comezará a aplicarse a reordenación horaria que permitira que os mestres dispoñan de 60.000 horas máis a semana para atender aos escolares, o que redundará na mellora do servizo.

Con respecto ao profesorado, e a falta de coñecer as cifras definitivas, ata o momento resulta xa claro que o número de interinos incrementouse respecto do ano pasado.

Exit mobile version