Site icon Crónica3.com A Mariña

O concelleiro de Economía de Burela calcula que o anterior goberno ingresou 7,4 millóns de euros e investiu 8,6

Nota de prensa

CASAS MARTÍNEZ ASEGURA QUE OS DATOS DO MINISTERIO DE HACIENDA CONFIRMAN QUE NO 2010 O BIPARTITO BURELÉS GASTOU UN MILLÓN DOUSCENTOS MIL EUROS QUE NON HABÍA. O CONCELLEIRO DE ECONOMÍA DI QUE O DATO É MOI MALO PARA A ECONOMÍA DO CONCELLO.

Burela, 8 de setembro de 2011. O concelleiro de Economía burelés, o popular José Casas Martínez, indicou hoxe que “os datos que o Ministerio de Hacienda do goberno Zapatero acaba de facer públicos con carácter provisional, e que se puideron ver na prensa este pasado domingo, confirman que o bipartito burelés gastou en 2010 un millón douscentos mil euros que non ingresaron por ningún lado, é dicir, gastaron cartos que non había”. Casas Martínez considera que o dato é moi malo para a economía de Burela e lembra que o PP xa o avanzou antes das eleccións municipais.

Segundo Hacienda, o Concello burelés ingresou 7.419.223 euros, pero gastou 8.625.661 ousexa gastou 1.206.438 euros, que non se chegaron a igresar. Casas Martínez indica que “esa diferencia quere dicir que o bipartito gastou, sen ter cartos para elo, un 16’25% máis do que realmente podía gastar”. O concelleiro de Economía burelés, logo de facer un ránking provincial, indicou que “semella que o bipartito quería que Burela destacase por algo, pois case que o logran, porque só un Concello nos supera en termos absolutos”.

José Casas lembrou que “estes datos xa foran avanzados, en función da liquidación do presuposto do ano pasado, polo PP burelés antes das pasadas eleccións, e o bipartito non lles deu importancia, e mesmo se riron de nós dicindo que non sabíamos ler os números. Pois creo que os técnicos da Hacienda do Estado teñen o mesmo xeito de ler eses números ca temos nós e teñen a inmensa maioría dos cidadáns, ousexa, que non se pode gastar máis do que se ten”.

O concelleiro de Economía tamén indicou que “os datos son moi malos para a economía do concello burelés e estannos obrigando a facer un esforzo conxunto de contención de gasto no presente exercicio e ao mesmo tempo de actualizar ao máximo posible os pagos pendentes”.

Finalmente o edil popular afirmou que “estamos traballando nas grandes cifras do presuposto do ano que vén, e probablemente na rolda de prensa da Xunta de Goberno da próxima semana se avance algún dato”.

Exit mobile version