Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela anuncia que “iniciará en breve” a constitución do consello escolar municipal

Nota de prensa

O GOBERNO BURELÉS INICIA O PROCEDEMENTO PARA A CONSTITUCIÓN DO CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL. GONZÁLEZ BARCIA E PEDRE REUNÍRONSE COS DIRECTORES DOS CENTROS DE ENSINO.

Burela, 20 de setembro de 2011. O goberno burelés do Partido Popular iniciará en breve os trámites e o procedemento para a constitución do consello escolar municipal. O alcalde, José María González Barcia, e a concelleira de Educación, Mónica Pedre, reuníronse este luns cos directores dos centros de ensino da localidade para, entre outras cuestións, abordar este tema. A intención do equipo de goberno burelés é que o consello escolar municipal se constitúa antes de fin de ano.

Pedre manifestou que “o consello escolar municipal funcionou axeitadamente durante o goberno anterior do PP, pero co goberno bipartito desapareceu tal actividade, chegando ao extremo de que se aprobou en pleno, a principios do ano 2009, un regulamento que nunca chegou a aplicarse porque sinxelamente o consello nunca chegou a constituírse”.

Ademais nesa reunión cos directores dos centros de ensino fixáronse as actividades que o Concello oferta para facilitar a realización da xornada continuada, e polo tanto a conciliación da vida laboral e familiar, e que se realizan nos centros de ensino en horario de tres e media a cinco e media da tarde. Este ano, inclúese unha nova actividade, denominada Aprender a aprender, destinada a alumnos de segundo e terceiro ciclos de primaria, e que ten como finalidade traballar en técnicas de estudio para mellorar o rendemento escolar. O Concello continuará ofertando a actividade de inglés, as que realiza a Aula de Educación Ambiental GAIA e a de piscina.

Escola de música

Continuando coas reunións que mantén o equipo de goberno, o pasado venres González Barcia e Mónica Pedre reuníronse co profesorado da Escola de Música. Recentemente, desde a alcaldía foille solicitado á dirección da Escola, con carácter formal, un informe sobre a súa situación. Neste momento, o equipo de goberno ten enriba da mesa dito informe e unha proposta de horario feita polo Claustro de Profesores da Escola. “O obxectivo do equipo de goberno é que a Escola de Música se converta nun referente cultural en Burela, para o que se vai procurar aumentar a oferta educativa da mesma”, segundo explicaron o alcalde e a edil de Educación.

Precisamente hoxe, Pedre e Barcia teñen previsto reunirse con membros da ASUEMBU, a asociación de pais e nais de alumnos da Escola, para explicarlles os obxectivos que se pretenden conseguir. Tamén se está a redactar un regulamento de réxime interno da propia Escola, que será debatido e enriquecido polo claustro de profesores e tamén polos pais do alumnado.

Exit mobile version