Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela convoca axudas para material escolar destinadas a quen non poidan afrontar estes gastos

Nota de prensa

Nota de prensa

O CONCELLO CONVOCA AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE MATERIAL ESCOLAR PARA O CURSO 2011/12. ESTÁN DESTINADAS ÁS PERSOAS QUE NON DISPOÑAN DE INGRESOS SUFICIENTES PARA AFRONTAR ESTES GASTOS.

Burela, 2 de setembro de 2011. O Concello convoca axudas para a adquisición de material escolar para o Curso 2011/12 destinadas aos/ás alumnos/as empadroados/as e escolarizados/as nesta localidade nalgún dos seguintes cursos: Infantil (3, 4 e 5 anos), Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria.

Segundo explica a concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, Diana Durán, “o fin último destas axudas é favorecer a integración sociocultural e garantir as necesidades básicas destas unidades familiares no eido da educación”.

Durán García sinalou que “poderán solicitar ditas axudas todas aquelas persoas que non dispoñan de ingresos suficientes para afrontar os gastos derivados para este concepto; é dicir, que os ingresos non sexan superiores ao importe do subsidio básico máis o complemento familiar de RISGA (Renda de Integración Social de Galicia) que lle correspondería a cada caso en función do número de persoas que conforman cada unidade familiar, entendendo por ésta a composta por nais, pais, titores/as ou acolledores/as e os/as menores”.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 1 de outubro. As solicitudes realizaranse no Departamento Municipal de Servizos Sociais do Concello de Burela, a onde as persoas interesadas se deben dirixir para que se lles facilite información sobre estas axudas e a solicitude xunto coa documentación que deben achegar.

Exit mobile version