A DELEGACIÓN DE DEPORTES COLABORA CO CLUB DE TENIS DE MESA LOCAL PARA FOMENTAR A PRÁCTICA DESTE DEPORTE NO MUNICIPIO
Cervo, 24 de setembro de 2011.- O Concello de Cervo, a través da súa delegación municipal de Deportes, colabora co recentemente creado Club de Tenis de Mesa de San Ciprián para fomentar a práctica do ping-pong no municipio.
O responsable municipal de Deportes, José Ramón Soto, indicou que a colaboración prestada dende o Goberno local a este novo colectivo consistiu ata o momento na posta a disposición do devandito Club de instalacións, así como na adquisición dunha mesa de ping-pong para que os afeccionados podan desenvolver as súas partidas de xeito regular.
Próxima liga local
Pola súa banda, os responsables do Club de Tenis de Mesa teñen a intención de desenvolver e promocionar este deporte, algo que pretenden levar adiante coa organización nas vindeiras semanas da primeira liga local de tenis de mesa.
O concelleiro de Deportes explicaba que “en definitiva, é un novo proxecto que arranca con moita ilusión grazas á iniciativa destes afeccionados e que, como non podía ser doutro xeito, o Concello de Cervo apoia ao máximo das súas posibilidades”.
Potenciar o Tenis de Mesa
Os responsables do Club de Tenis de Mesa queren deste xeito retomar a afección deste deporte entre todos aqueles interesados, “tanto do municipio coma doutras localidades da comarca, sen límite de idade e de ámbolos dous sexos”. Os interesados en practicar tenis mesa ou en participar na liga local que se está a organizar poden poñerse en contacto cos responsables do Club de Tenis de Mesa a través do número de teléfono 982-59-40-50 ou ben escribindo ao correo electrónico ctnsanciprian@gmail.com