Nota de prensa
O CONCELLO DE CERVO INFORMA QUE, A PESAR DA SÚA COR E TURBIDEZ, A AUGA QUE SE SUBMINISTRA É APTA PARA O SEU CONSUMO
Cervo, 11 de setembro de 2011.- O Concello de Cervo informa de que a auga que chega aos domicilios do municipio é apta para o consumo, a pesar da cor e turbidez que presenta dende hai uns días.
A concelleira de Sanidade, Yolanda Pedreira, mantivo hoxe contactos cos responsables da estación de tratamento de auga potable da Senra (encargada da súa distribución aos municipios de Cervo e Burela) para coñecer o motivo desta turbidez na auga da traída. “Despois de recibir hoxe no Concello varias queixas de veciños polo aspecto que presentaba a auga da traída, mantiven unha reunión co encargado da depuradora. Díxome que a causa é unha acumulación de sedimentos procedentes do embalse de Río Cobo, da que se está abastecendo actualmente a ETAP da Senra por mor do baixo nivel no embalse de Rúa” indicou Pedreira.
A responsable municipal de temas sanitarios dixo tamén que a empresa encargada da ETAP realiza diariamente analíticas para establecer a calidade da auga “e os niveis da súa salubridade atópanse dentro dos límites permitidos para o seu consumo, se ben é certo que o seu aspecto non é o máis axeitado” recoñeceu a concelleira.
Por último, Pedreira indicou que os técnicos da ETAP da Senra están a facer estudios para tentar atallar a raíz do problema e evitar deste xeito estas variacións repentinas nos niveis de sedimentos na captación do embalse de Río Cobo. “Dixéronme que posiblemente entre mañá e pasado poidan dar coa solución ao problema” dixo Pedreira.