AS CONCELLEIRAS DE IGUALDADE, ASUNTOS SOCIAIS E EDUCACIÓN REÚNENSE COS COLECTIVOS DE MULLERES DO MUNICIPIO PARA COORDINAR ACTIVIDADES
Cervo, 21 de setembro de 2011.- Hoxe tivo lugar unha xuntanza entre as concelleiras Pilar Álvarez (Igualdade), Tania González (Asuntos Sociais) e Yolanda Pedreira (Educación e Emprego), coas representantes daa asociacións de mulleres Alborada, Espalladoras e Mujeres de San Ciprián, co obxecto de perfilar as liñas de colaboración entre estes colectivos e o Concello nos vindeiros meses.
Segundo indicou a responsable municipal de Igualdade, Pilar Álvarez, a xuntanza consistiu nunha primeira toma de contacto para coñecer as actividades que teñen previsto desenvolver nos vindeiros meses estes colectivos femininos asentados no municipio. “Tratamos basicamente de coñecer cales serán a groso modo os seus programas de traballo para os vindeiros meses e puxémonos á súa disposición para colaborar dentro das posibilidades do noso concello” sinalou Álvarez, quen adiantou tamén que no vindeiro mes de outubro teñen previsto manter unha nova reunión “para concretar máis polo miúdo os calendarios de cada unha destas asociacións e poder, deste xeito, coordinar máis eficientemente os nosos recursos e o noso apoio cada un destes colectivos” indicou.