Site icon Crónica3.com A Mariña

O Cotarelo


O COTARELO

A cotiá camiñada polas rúas da vila, por veces amósanos realidades presentes que desdebuxan paraxes entrañables da nosa xeografía sentimental; lugares amados na lembranza de tantas horas que nutriron parte dese libro vivo, experimental, do que extraímos a aprendizaxe dun xeito de ser e de estar nesta sociedade á que, dende xeracións, pertencemos, e do que recibimos o influxo do ancestral talante comunitario da nosa tribo. Invádenos, entón, a nostalxia que xurde da película que, súpeta e desordeamente, proxéctasenos na mente. Cando no periplo diario, hai un anaco, chegamos á praza de Mondoñedo, epicentro da historia humana do Foz mariñeiro, o corazón deunos un brinco ó de súpeto contemplar como a piqueta derrubaba as paredes do que por moitos anos foi santuario do mais acendrado e carismático focensismo: o Club del Mar, ou “bar do Cotarelo”, que asomaba a proa ó cruce das rúas do Mar e Rego de Castiñeira. Lugar de permanente parladoiro, escenario de mil anécdotas, debates, controversias e situacións hilarantes xeradas, sobre todo, polo sentido do humor tan propio das nosas xentes, que ás veces exprésanse con dialéctica tal que alguén non iniciado podería entender de anoxo, escenas das que era principal artífice e actor Pedro, O Cotarelo. Luís Cordeiro conta no seu libro “Fume de pallas” a súa primeira visita ó lugar e a impresión que lle causara. Con realismo e donosura, descrebe a vivencia: “… o boureo orixinado por un fato de xente que se comunicaba a berros, a pesares de estar xuntos, era enorme. Para min o máis sorprendente era que uns homes que semellaban amigos, cruzasen entre eles unhas coñas e unhas tomaduras de pelo de tal calibre, que por menos no meu pobo armaríase unha boa barafunda”. De súpeto un berrou: “¡Calade a boca que imos botar un cantarín”..” E fíxose o silenzo para entoar:”…sueño con las velas blancas.. sueño con ser marinero” Se o destino nos deixa, algún día contaremos a entrañable historia do Cotarelo, con personaxes e situacións irrepetibles, e onde Lola preparaba os mellores calamares fritidos do mundo….

Suso Fernández

Exit mobile version