Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno municipal burelés prevé unha diminución considerable no presuposto municipal para 2012

Nota de prensa

O GOBERNO MUNICIPAL AFIRMA QUE “EN 2011 BURELA INGRESA 800.000 EUROS MENOS DOS PRESUPOSTADOS POLO BIPARTITO” E SUBLIÑA QUE OS INGRESOS NON CUBREN OS GASTOS PREVISTOS. GONZÁLEZ BARCIA LEMBROU QUE NO 2010 GASTÓUSE MÁIS DO QUE SE INGRESOU.

Burela, 13 de setembro de 2011. O goberno municipal burelés prevé unha diminución considerable no presuposto municipal para 2012, porque “para elaborar eses presupostos temos que fiarnos sobre os ingresos que realmente temos recoñecidos para o presente ano, e non sobre o que o bipartito presupostou que se ía percibir”, explicou esta mañá o alcalde, José María González Barcia. O equipo de goberno afirma que “en 2011 Burela ingresa 800.000 euros menos dos presupostados polo bipartito” e subliña que “os ingresos non cubren os gastos previstos”.

Facendo coincidir unha vez máis a celebración da xunta de goberno de carácter quincenal, o equipo de goberno que lidera González Barcia deu unha rolda de prensa para facer repaso sobre a realidade e a xestión municipais. Barcia indicou que o “equipo de goberno está xa a traballar no presuposto municipal para 2012. Cada concelleira e cada concelleiro están a preparar candasúa programación presupostaria, que a continuación será abordada polo equipo de goberno no seu conxunto para establecer as prioridades que hai que marcar en función do noso programa electoral e tamén en función, é obvio, da situación de crise económica que estamos a vivir”.

O rexedor foi máis aló e deu datos, “a pasada semana, o Sr.Casas, concelleiro de Economía, deu uns datos que non por ser coñecidos deixan de ser preocupantes, porque veñen revelar que o que nós decíamos, e que o bipartito se empeñaba en contradecir, era verdade e polo tanto os datos son reais, porque o Ministeiro de Hacienda acaba de facelos oficiais provisionalmente: gastáronse en 2010 un millón douscentos mil euros que non se contaba ingresar”.

Segundo o goberno municipal do PP, “a situación de 2010 foi prolongada polo bipartito para o presente ano”. Segundo sinalou José María González Barcia, “no presente ano, o bipartito contaba ingresar un total de seis millóns douscentos mil euros, segundo o presuposto oficial de 2011, pero resulta que ingresaremos escasamente cinco millóns catrocentos mil euros, segundo os datos oficiais que nos deu a intervención municipal hai uns días. E ollo, xa puxemos ao cobro todos os padróns que se podían poñer, contribución, vados, etc, e os datos que damos contabilizan o que nos queda por cobrar por transferencias do Estado, Xunta e Deputación no que queda de ano”.

O alcalde manifestou que, “polo tanto, temos un desfase, xa na tramitación e aprobación dos propios presupostos para o presente ano de prácticamente oitocentos mil euros, pero en contra do Concello, ou sexa, en contra dos veciños e veciñas de Burela. Xa no seu día advertimos que se aprobaba un presuposto inflado no capítulo de ingresos, pero a resposta foi culpar ao PP de situacións anteriores”.

González Barcia dixo que “aínda que é cedo para dar datos de cara ao presuposto de 2012, está claro que os presupostos van ter unha reducción considerable, porque de entrada os ingresos que xenera o propio Concello vanse ver reducidos, porque xa se reducen no presente ano”. E engadiu que “cadaquen pode poñerlle o calificativo que queira á política económica do bipartito burelés, pero a día de hoxe todo o mundo tén claro que ninguén, incluidas as administracións, poden gastar máis do que teñen”.

Proxecto de modificación da praza da Igrexa.

O rexedor tamén contou que a Xunta de Goberno aprobou definitivamente a modificación do proxecto do entorno da praza da Igrexa, obra que conta cun presuposto de 67.500 euros e que está incluida dentro do Plano Extraordinario de Obras da Deputación Provincial de Lugo. As modificacións afectarán fundamentalmente ao solo, que inclúe adoquinado, fronte á propia igrexa e na parte dereita da mesma, entre o templo e as edificacións anexas á casa rectoral. Tamén se colocarán bolardos, máis iluminación, e se mellorarán as escaleiras de acceso ao templo.

Exit mobile version