O BNG DEFENDE EN BURELA UNHA POLÍTICA ECONÓMICA DIFERENTE Á LEVADA A CABO POLO PP E O PSOE
O próximo luns terá lugar un acto público, ás 20:30 horas na antiga biblioteca de Burela, onde o BNG exporá as súas alternativas económicas a unhas políticas do PP e PSOE que non logran combater a crise
O acto contará coa presenza de Fernado Blanco, deputado do BNG no Parlamento galego.
Burela, 23 de setembro de 2011. O BNG está a realizar por todo o país unha xeira de actos públicos para trasladar á cidadanía e contrastar con ela as consecuencias da crise e as posíbeis alternativas a ela que se poden adoptar desde os poderes públicos.
Por este motivo, o próximo luns, 26 de setembro terá lugar un acto público, ás 20:30 horas na antiga biblioteca de Burela, onde o BNG exporá as súas alternativas económicas a unhas políticas do PP e PSOE que non logran combater a crise e aínda fan afondar máis se cabe nela. Ademais, os membros do BNG exporán aos veciños e veciñas de Burela as consecuencias que para os galegos e galegas vai traer consigo a reforma da Constitución cociñada entre o PP e o PSOE, xa que é unha reforma que afecta negativamente a Galiza porque Galiza -con pensións e salarios máis baixos, cun ritmo de destrución de emprego superior ao do Estado- é especialmente vulnerábel á política dos recortes, ademais de porque viola o noso dereito ao autogoberno, ao limitar a capacidade do noso país para intervir na economía nun sentido positivo.
O acto contará coa presenza de Fernando Blanco, deputado do BNG no Parlamento galego, quen dará conta das alternativas defendidas polo BNG ante as últimas reformas acometidas, nomeadamente a reforma da Constitución pactada polo PSOE e PP.