Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña inicia o outono coa presentación do libro Madeira de Muller, de Adela Figueroa

Nota de prensa:
O Observatorio da Mariña comeza a súa programación de outono este xoves coa presentación do libro Madeira de Muller, de Adela Figueroa

Será ás 20.30h na Casa das Letras de Ribadeo, coa presenza da autora e
ilustradora │ O III Cineforum ‘Mulleres do mundo’, a Axenda feminista 2012, distintas actividades cos IES e o ‘Outono feminista’ completan a programación

Coa chegada do outono, comeza tamén a nova programación de actividades a prol da sensibilización de xénero do Observatorio da Mariña pola Igualdade.

22 de setembro, Ribadeo: Presentación da obra MADEIRA DE MULHER

No primeiro día de outono, a libraría Casa das Letras de Ribadeo acollerá este xoves día 22, a partir das 20.30 horas, a presentación do libro Madeira de Mulher (Ediciós do Castro), unha escolma de contos da escritora e activista Adela Figueroa, ilustrados por María Celsa Sánchez. O acto, organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, estará presentado por Loli Docobo e contará coa presenza de autora e ilustradora, nun ambiente de música e boa conversa.

[ADIANTO DE ACTIVIDADES PARA O OUTONO]

22 de outubro (non de marzo), Mondoñedo: I OUTONO FEMINISTA

Un mes despois, o sábado 22 de outubro, terá lugar o I OUTONO FEMINISTA organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, un encontro concibido como espazo de debate e lecer no que pór en valor o traballo desenvolto polas mulleres galegas no ámbito cultural, entendendo a cultura como factor dinamizador dun pobo e dunha sociedade. Será en Mondoñedo, con actividades durante o todo o día, entre as 10 da mañá e as 20.30 da tarde, e contaremos coa presenza de mulleres galegas referentes no eido literario como Teresa Moure, Carme Blanco e Marica Campo; no eido musical como Olga Nogueira, Ugia Pedreira, e Guadi Galego; e no eido audiovisual como Carme Rábade, Diana Gonçalves e Margarita Ledo.

Proxectarase tamén a curta “Bata por fóra, muller por dentro” de Claudia Brenlla, e o documental “Mulheres na raia” de Diana Gonçalves, seguidos por un tempo de debate e reflexión. Haberá un xantar de convivencia, parcialmente financiada polo Observatorio para as súas socias e socios (custe reducido de 8€ para socias, e prezo íntegro de 12 € para as persoas non socias).

A partir do xoves 27 de outubro, durante 4 xoves consecutivos, Foz: III edición do vídeo-forum “MULLERES NO MUNDO” (coa colaboración da UNED e de Radiofoz)

A terceira edición do vídeo-forum “MULLERES NO MUNDO”, organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, comezará o xoves 27 de outubro e prolongarase durante catro semanas. Os filmes proxectaranse en horario de tarde (cara á noitiña) no salón de actos do IES de Foz. O obxectivo do videoforum é achegarlle mediante o cinema á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais afastados e distantes, e a temática escollida para este ano son “As Mulleres en América Latina”. Deste xeito, buscamos complementar aspectos xa vistos en anteriores edicións sobre mulleres afgás, israelís, arxelinas, serbias, indias, iraníes, etc. Os filmes que se visionarán este ano, e sobre os que se reflexionará na sesión de debate posterior ao visionado, son:

27 outubro: Las mujeres de verdad tienen curvas (México, EUA)

3 novembro: La niña santa (Arxentina)

10 de novembro: La teta asustada (Perú)

17 de novembro: Qué tan lejos (Ecuador)

Novembro:

Presentación da Axenda Feminista 2012 do Observatorio da Mariña pola Igualdade.

Tralo éxito da axenda 2011, dedicada ao tema “12 meses, 12 reivindicacións”, desde o Observatorio queremos seguir contribuíndo á sensibilización de xénero mediante unha nova edición da axenda feminista, que este ano terá como temática “12 meses, 12 músicas”. Cada mes estará encabezado pola fotografía e textos de músicas galegas como Mercedes Peón, Uxía Senlle, Guadi Galego, Tareixa Novo, Sés ou Ugia Pedreira, que porán letra nos seus textos ao binomio música e muller.

Decembro:

Presentación do proxecto Trivial Feminista, organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade e elaborado conxuntamente cos centros educativos de secundaria da Mariña. Será un xeito lúdico de aprender, mediante preguntas e respostas propostas polas mozas e mozos mariñás, máis sobre a historia moitas veces silenciada das mulleres galegas, das mulleres do mundo, dos fitos do movemento feminista, e das contribucións de homes e mulleres á causa da igualdade de xénero ao longo dos séculos.

Prégase máxima difusión.

Saúdos cordiais,

OBSERVATORIO DA MARIÑA POLA IGUALDADE

Para máis información, poden CONTACTAR con

LOLI DOCOBO: 666427099

ANA MÉNDEZ-IRAGORRI: 627.037.668

observatorioigualdade@gmail.com

Exit mobile version