Site icon Crónica3.com A Mariña

O popular-socialismo

O popular-socialismo

En pleno agosto, con nocturnidade e aleivosía, a Consellaría de Facenda incrementou un 30% de media os tributos para a compra de vivendas. Antes, cando unha persoa mercaba un inmoble valorado en 150.000 euros, pagábanse 10.500 de impostos. Agora, polo mesmo piso, haberá que arrearlles 13.650 euriños. A Xunta vén aplicar así unha suba artificial dos prezos dos inmobles completamente afastada da realidade, sobre todo tendo en conta que o valor medio das vivendas no noso país leva baixando tres anos seguidos.

O executivo autonómico impón deste xeito unha nova taxa que non afecta a quen adquire vivendas de luxo (neses casos a liquidación faise polo prezo real da compra), pero que aumenta a presión fiscal para o resto dos mortais que mercan por debaixo dos prezos medios (os desta modalidade terán que realizar unha liquidación inxusta cunha base superior ao prezo de compra). Así, o autodenominado “presidente-de-todos-los-gallegos” decide subir máis impostos dun xeito indirecto, ao igual ca o “presidente-de-todos-los-españoles” que tanto criticou e critica, aplicando unha estratexia que se está volvendo habitual en ambos os dous: pola porta de atrás.

Pero a cousa non queda aí. É que ademais, por se fora pouco, o goberno de Feijóo pretende implantar este baremo con carácter retroactivo, polo que atinxirá os cobros fiscais pendentes desde xaneiro do 2010. Un Feijóo que non dubida en subir os tributos que afectan á meirande parte da poboación, pero que incumpre de novo as súas promesas electorais tras “esquecerse” de rebaixar o IRPF a 500.000 galegas e galegos.

Por iso só me queda pedirlles unha pequena cousa, donas e cabaleiros do popular-socialismo que gobernan tanto en Santiago de Compostela coma en Madrid: cando rematen co país, fagan o favor de apagar a luz. Todo sexa por aforrar.

Marco López

Exit mobile version