Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo xustifica a actuación da Xunta na posta en marcha da subestación eléctrica

Nota de prensa:

A SUBESTACION ELECTRICA E A LIÑA DE ALTA TENSION

Ante as manifestación vertidas polo Alcalde de Ribadeo facendo responsable á actual Xunta de Galicia do retraso na construción e posta en funcionamento da nova subestación eléctrica e da liña de alta tensión, O GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR vese obrigado a facer una serie de consideracións sobre o tema.

Chama a atención que o Sr. Alcalde se laie, nestes momentos, polo retraso na execución desta obra, cando ÉL é parte responsable desta tardanza, da que é causa o convenio que, o 31 de Xullo de 2008, suscrebeu co, por entón, Conselleiro de Industria D. Fernando Blanco do BNG, o Director Xeral de SEPES, e o Presidente de BEGASA, dando o seu consentimento ao proxecto inicial de obra; proxecto que, motivado polas presas de levar a cabo a súa firma, dada a proximidade das eleccións autonómicas, adoecía de graves defectos de execución que non foron advertidos polos asinantes xa que, no trazado da liña de alta tensión non se decataron que se proxectaba o seu paso polo Camiño de Santiago, o que esixiu a súa modificación posterior, en tanto que o proxecto para a instalación da subestación prevía a ocupación de 3.500m2 de terreo, pero sen ter previsión de terreo para zoa de protección, servidumes de paso… ademais dos desmontes de terra, taludes… polo que houbo, posteriormente, que redactar una ampliación do proxecto inicial de xeito que dos 3.500 m sobre os que inicialmente se fixera a proxección se pasou a 11800m2 de terreo.

Causa rubor, cando non vergoña, que o Alcalde se manifeste alegremente sobre este tema nos medios de comunicación para responsabilizar á Xunta dun problema que foi causado baixo a súa responsabilidade ao dar a aquel proxecto inicial o seu consentimento como resulta acreditado coa documentación incorporada ao expediente administrativo no que o Alcalde dando resposta ao proxecto presentado pola compañía E.ON di: Que examinado o proxecto se entende axeitado dende o punto de vista municipal, no seu conxunto, se ben se considera que debe minimizarse o aspecto estético da subestación cun peche vexetal (tallas ou outro tipo de vexetación perenne) e face-lo pintado do inmoble en tonos verdes ou ocres que mimeticen coa paisaxe de tal xeito que actúen como unha barreira arredor da instalación…».

Polo tanto, o Alcalde deu a súa aprobación a aquel proxecto inicial, pasando por enriba non só das deficiencias de execución que presentaba, que xa de por si é bastante grave, senón, especialmente, deixando de lado e non atendendo a reclamación dos veciños de Piñeira, que, sendo directamente perxudicados pola instalación da subestación eléctrica nun monte da súa propiedade, propoñen a súa ubicación noutra zona do monte máis aloxada da estrada e dos núcleos de poboación a fin de evitar posibles perxuicios ambientais, paisaxisticos…, reclamación que nin entón nin agora foi atendida nin escoitada polo Alcalde, quen non só non promoveu a búsqueda dunha solución consensuada cos veciños senón que na Sesión de pleno do día 12 de Xullo ás preguntas deste Grupo Municipal a propósito da subestación respostoú que este tema non era un problema do Concello… ¿dende cando non é problema do Concello e do Alcalde de Ribadeo un asunto que afecta aos veciños?

Estas son as causas reais da demora na tramitación e execución desta obra, da que o único responsable é a deficiente xestión e a falla dun mínimo de dilixencia no exercicio da súas funcións por quen gobernaba por aquel entón (ano 2008) tanto no Concello de Ribadeo como na Xunta de Galicia, sen que ao actual goberno da Xunta de Galicia lle sexa imputable responsabilidade algunha ao respecto, dende a que o que se está a facer agora e darlle solución aos problemas que veñen xerados de atrás.

O GRUPO MUNICIPAL do PP comparte co Alcalde a necesidade e a urxencia da posta en funcionamento deste novo servizo publico, para o que lle instamos a que traballe dende o Concello en acadar que o noso pobo poida dispor desta infraestrutura a maior brevidade de tempo posible e se deixe de perder o tempo indo a prensa pra facer responsables a outros dun problema que, reiteramos, foi xerado pola súa responsabilidade ao darlle o seu consentimento a aquel proxecto inicial que adoecía de graves deficiencias técnicas.

Exit mobile version