Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE apoia a manifestación convocada para o sábado, día 1 de outubro, pola Comisión Focega en defensa da sanidade

Nota de prensa

OS SOCIALISTAS DE FOZ APOIARÁN A MANIFESTACIÓN CONVOCADA PARA O VINDEIRO SÁBADO CONTRA OS ÚLTIMOS RECORTES SANITARIOS DA XUNTA DE GALICIA

-Cren importante “facer todo o posible por recuperar o servizo da ambulancia eliminada, reivindicar a visita do autobús de mamografías e evitar a modificación do médico de urxencias polas tardes”

-Animan a tódolos veciños de Foz a acudir á mobilización “para defender uns servizos sanitarios que se lograron con moito esforzo e que agora pretenden eliminar da noite á mañá”

A Agrupación Socialista e o Grupo Municipal Socialista de Foz apoiarán a manifestación convocada para o vindeiro sábado, día 1 de outubro, pola Comisión Focega en defensa dos servizos sanitarios, servizos que se resentiron nestes últimos meses grazas á política de recortes que pretende a Xunta de Galicia.

Os socialistas cren importante “facer todo o posible por recuperar o servizo da ambulancia asistencial eliminada, pois como xa manifestamos noutras ocasións as consecuencias desta medida non tardaron en chegar. Mesmo os traballadores, que viven a situación día a día, aseguran que a atención non é igual e auguran que o goberno non tardará en propoñer máis recortes. Así como, reivindicar a visita do autobús de mamografías a Foz, pois agora as nosas veciñas teñen que desprazarse a Burela, e evitar a inminente modificación dos servizos do médico de urxencias en horario de tarde.”

Esperan que esta iniciativa sexa apoiada tamén por moitos veciños de Foz xa que “non podemos permitir que o goberno do señor Feijóo dé un paso máis na súa estratexia de reducción das prestacións da sanidade pública. Debemos defender os nosos servizos sanitarios, uns servizos logrados con moito esforzo e que agora pretenden eliminar da noite á mañá”.

Exit mobile version