Nota de prensa
OS SOCIALISTAS ASEGURAN QUE ALERTARON Ó CONCELLO DO PROBLEMA COA AUGA PERO TRATARON DE NEGALO DENDE O PRINCIPIO
-O GMS subliña que “demos conta das queixas dos veciños a través de dous escritos que se entregaron no Concello, pedindo información e resolución do asunto”.
-Destacan que “foron diversas as versións vertidas ós medios que negaban a cuestión, o equipo de goberno non soubo ou non quixo dar unha solución cando debera”
CERVO, 14 DE SETEMBRO. O Grupo Municipal Socialista non entende a forma de traballar do equipo de goberno de Cervo ante o problema coa auga que están a sufrir os veciños. Os socialistas aseguran que “dende o Concello trataron de evadir o problema e non souberon dar unha solución rápida e eficaz. Tratamos de alertar dun problema que eles negaron dende un principio. Esiximos que se poñan a traballar e que solucionen o asunto canto antes”.
Os socialistas subliñan que “foron diversas as versións vertidas ós medios que negaban a cuestión. Primeiro, o alcalde asegurou que non había problema ningún, que fora unha molestia puntual, despois, a edil de Medio Ambiente afirmou que a ETAP funcionaba perfectamente. E agora, a concelleira de Sanidade constatou que a auga é apta para o consumo pero que a súa mala cor e turbidez é causa da acumulación de sedimentos no embalse de Río Covo, o que abastece actualmente a ETAP e engadiu que os técnicos están traballando para dar coa solución. Se se traballa agora para dar coa solución é que antes había un problema, un problema que non quixeron recoñecer e que tiveron que soportar os veciños e veciñas durante días por culpa da ineptitude e inoperancia do equipo de goberno”
Dende o GMS aclaran que “pedimos explicacións dende un principio porque así o reclamaban os veciños. Demos conta das súas queixas a través de dous escritos que se entregaron no Concello, pedindo información e resolución do asunto. Advertimos dende o primeiro día que algo pasaba, non se nos quixo dar a razón e agora a solución pode que chegue tarde, pois o tempo que os veciños tiveron que soportar a auga en mal estado non llelo vai devolver ninguén”.