Site icon Crónica3.com A Mariña

O vicepresidente da Deputación urxe a abrir o dique norte de Alcoa e critica a falla de Autoridade Portuaria

Nota de prensa

ANTONIO VEIGA URXE A FOMENTO A LIBERALIZAR O DIQUE NORTE DE ALCOA

O vicepresidente da Deputación critica que Lugo sexa a única provincia marítima do estado sen Autoridade Portuaria

LUGO, 26 de setembro de 2011. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, urxiu ao Ministerio de Fomento a que aplique o acordo parlamentario polo que o Congreso do Deputados se comprometía a iniciar as negociacións coa empresa Alcoa, a fin de garantir a apertura ao tráfico comercial do dique norte desta factoría. Segundo explica o vicepresidente, “isto significaría un factor de competitividade para o conxunto do tecido económico das comarcas de Lugo, que a día de hoxe se ven excluídas do tránsito de mercadorías por vía marítima”. Comentou que “na situación actual, as empresas vense obrigadas a utilizar os portos de Xixón ou A Coruña para os traballos de estiba, e non é de recibo que despois do tempo transcorrido desde o acordo parlamentario, o goberno do estado aínda non tomara medidas”.
Os datos que ven de facer públicos a Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao respecto ao investimento executado pola mesma en cada un dos portos da súa competencia “deixa ás claras que o ente regulador persiste na súa discriminación á costa de Lugo, proba do cal é o feito de que o ano pasado recibiu só a quinta parte do que ingresou”. En definitiva, “os criterios de reparto seguidos pola autoridade portuaria funcionan como un elemento de agravio comparativo e desigualdade entre as dúas áreas”, explicou Veiga, “e evidencia particularmente a falta de vontade política tanto dos socialistas no Congreso dos Deputados como dos representantes de Lugo no consello de administración da Autoridade Portuaria”. Neste sentido, como manifestou o vicepresidente, “resulta unha auténtica burla ao conxunto de Lugo que, a día de hoxe, sexa a única provincia do estado q non conta con autoridade portuaria, unha vez constituída a autoridade portuaria de Motril”.
A preocupación fundamental de calquera administración pública nun momento como este debe ser a creación de emprego, e a posta en funcionamento dunha infraestrutura como esta, así como a liberalización para o tráfico comercial suporía de xeito evidente “un impulso á actividade económica, provocando un aumento na man de obra ocupada, se temos en conta q un posto de traballo no mar xera tres en terra”, explicou Veiga. Mesmamente, tamén sería un factor de competitividade para a economía comarcal e “permitiría q non ficásemos fóra das grandes autovías transatlánticas que, nun momento como este, se están a converter no principal instrumento de transporte de mercadorías”.
O vicepresidente explicou que “pensamos que non se pode permanecer na inactividade diante do que é unha reclamación xa non só do conxunto de institucións provinciais, senón tamén dos sectores económicos e sociais de Lugo, comezando polas asociacións patronais e sindicais ou mesmo asociacións profesionais, como as de produción de madeira da Mariña, que por non contar con isto, ven limitadas as súas posibilidades de negocio, xa que teñen que utilizar portos de menor calado”.

Exit mobile version