Site icon Crónica3.com A Mariña

Os museos de Lugo programan actividades con motivo do Día Mundial do Alzheimer

Nota de prensa:
PRESENTOUSE O PROGRAMA DE ACTIVIDADES QUE DESENVOLVE A REDE MUSEÍSTICA CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DO ALZHEIMER

O programa, que se levará a cabo os días 21, 23 e 24 de setembro e 1 de outubro, pretende sensibilizar á sociedade acerca desta doenza

A Rede Museística ven desenvolvendo actividades non só con enfermos de Alzheimer, senón tamén cos familiares e coidadores

LUGO, 19 de setembro de 2011. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, mailo delegado de Cultura, Mario Outeiro, presentaron esta mañá no salón de actos da Deputación de Lugo, xunto con Encarna Lago, xerente da Rede Museística, o programa de actividades que se desenvolverá nos museos da provincia con motivo da celebración, o día 21 de setembro, do Día do Alzheimer. Estas actividades levaranse a cabo coa colaboración de AFALU (Asociación de Familiares y Enfermos de Alzheimer) e con elas preténdese sensibilizar á sociedade acerca desta doenza, cuxas principais consecuencias son o deterioro da memoria e das funcións cognitiva, condutora e motora.

O vicepresidente da Deputación afirmou que “a Rede Museística nunca foi allea ás inquedanzas sociais, sendo unha institución pioneira, tanto o Museo como o conxunto da Rede, neste eido”. Explicou que “a Área de Benestar debe ter contidos transversais e establecer sinerxias con outras áreas e cos colectivos sociais, non se debe limitar a ser un compartimento dunha institución”. Respecto a isto, Mario Outeiro subliñou a transversalidade que debe existir entre as áreas e, neste caso, a Rede Museística, “que sempre estivo moi ligada aos aspectos de accesibilidade e de capacidades diferentes, tendo incluso un departamento con este nome, que fai que os catro centros sexan considerados accesibles a nivel nacional e internacional”. Mario Outeiro explicou que as actividades se inaugurarán este mércores 21 cunha tarde dedicada ao Alzheimer no Museo de Lugo: unha mesa informativa da que se encargarán os membros de AFALU, e a presentación dos programas desenvolvidos pola Rede: ‘O nobelo da memoria’, ‘Tirando do fío’, ‘Álbum da memoria compartida’ e ‘Memoria do pan’, a cargo de Encarna Lago. Continuará a tarde do mércores cunha mesa redonda sobre o Alzheimer e os Museos como centros de memoria, na que participarán membros de AFALU e a propia Encarna Lago, e finalizará ás 18:30 horas coa proxección, a cargo de AFALU, da película “Bicicleta, Cuchara, Manzana”, dirixida por Carles Bosch.

Ademais do día 21 no Museo de Lugo, proxectarase a película a cargo de AFALU nos Pazo de Tor o día 23, o día 24 no Museo de San Paio de Narla e o 1 de outubro no Museo do Mar, ás 18:00 horas. “Pero falar da nosa programación – explicou Encarna Lago – é falar dun traballo que se ven facendo desde o ano 2008 coa creación do departamento de Capacidades Diferentes e Accesibilidade”. A Rede Museística ven desenvolvendo 4 programas que teñen como protagonista a memoria e a súa recuperación. Estes programas son “O nobelo da memoria”, que consiste en traballar lembranzas da vida cotiá dos enfermos; “Tirando do fío” céntrase en ir tirando das reminiscencias do pasado; o “Álbum da memoria compartida” é unha actividade nova, na que tanto os enfermos como os familiares ou coidadores traballan as etapas da vida comparándoas coas estacións, e “A Memoria do pan”, actividade na que se fixo unha mestura xeracional e se compartiu a experiencia da elaboración do pan. Encarna Lago explicou que “tamén incluímos este ano a posibilidade de que os afectados e as familias se poñan en contacto coa Rede, e así poidamos dar desde os museos un trato máis personalizado a cada enfermo”.

Exit mobile version