Site icon Crónica3.com A Mariña

Os orzamentos das áreas de goberno da vicepresidencia da Deputación serán participativos

Nota de prensa

ANTONIO VEIGA ANUNCIA QUE OS ORZAMENTOS DAS ÁREAS DE GOBERNO DA VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN SERÁN PARTICIPATIVOS

Veiga sinalou que ao longo do mes de setembro se van manter máis de 40 xuntanzas con todo o tecido asociativo da provincia para estabelecer os eixos centrais e prioritarios dos orzamentos de 2012

O vicepresidente afirmou que “a sociedade debe ter voz e voto nas administracións máis que cada catro anos, por iso se crea esta canle de participación social”

Lugo, 2 de setembro 2011. O nacionalista Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación, e fóra dos asuntos do día, anunciou que os orzamentos de 2012 das áreas dependentes da Vicepresidencia Primeira da Deputación serán elaborados conforme á natureza “participativa”, é dicir, que se terán en conta as necesidades e suxestións que formule o tecido asociativo de toda a provincia para priorizar nos orzamentos. Neste camiño, Antonio Veiga anunciou que “ao longo do mes de setembro vanse manter máis de 40 xuntanzas con todo o tecido asociativo da provincia para estabelecer os eixos centrais e prioritarios dos orzamentos de 2012”.

Antonio Veiga explicou que “é a nosa vontade, e nesa dirección imos comezar a traballar a partir da vindeira semana, para elaborar uns orzamentos que respondan ao que se dan en chamar como orzamentos participativos”. Veiga continuou expresando que “en política as cuestións de fondo son inseparables das cuestións de forma, ou o que é o mesmo as formas rematan por modular o fondo e por iso o proceso de elaboración dos orzamentos destas áreas vanse facer en contacto permanente cos colectivos sociais, coa sociedade organizada, cos concellos, organismos que deberán asumir as competencias da deputación e as que as deputacións lle corresponde apoiar: este será un contacto permanente, que nos ciframos no diálogo co conxunto das asociacións culturais, deportivas, de discapacitados, xuvenís, de mulleres, feministas, ONGS, e colectivos vinculados á comunidade educativa”.

Veiga anunciou que “o 12 de setembro inícianse as xuntanzas cunha reunión na Mariña, o 14 en Lugo e o 15 de setembro en Monforte de Lemos, cos colectivos culturais e deportivos destas comarcas de Lugo. Así as cousas ao longo do mes de setembro manteremos máis de 40 xuntanzas co tecido social da provincia, para definir os eixos centrais, do que vai ser a política orzamentaria das nosas áreas”.

Antonio Veiga quixo reafirmarse en que “sempre entendemos que a acción de goberno é antes que nada, diálogo entre administrador e administrado, que a democracia é moito máis que o exercicio do voto de catro en catro anos, e por iso pensamos, queremos e imos darlle voz, voz determinante a sociedade na elaboración dos orzamentos”. Veiga foi contundente ao afirmar que “nós non lle temos medo a que a sociedade fala, nos pola contra queremos que a sociedade fale, se comprometa coa xestión do público e o compromiso coa xestión do público, require por parte da Admistración a creación de canles de participación, para que a sociedade se exprese, iso imos garantilo coa metodoloxía elixida para a elaboración dos orzamentos”. “Levamos a cabo unha metodoloxía que posibilita o control do poder político por parte da cidadanía, que responsabiliza a esta na xestión do público e particularmente que lle devolve ao pobo o seu papel protagónico, de xeito que votar cada catro anos non sexa como entregar un cheque en branco a quen goberna”-aseverou o vicepresidente nacionalista da Deputación de Lugo.

Antonio Veiga quixo concluír afirmando que “somos dos que pensamos que o rico e potente tecido asociativo da Comarcas de Lugo é un patrimonio dun valor incalculábel que temos que aproveitar para unha xestión eficiente desde a esfera do público e que o público debe potenciar e promover na medida que é o indicador da saúde dunha sociedade madura”. “Neste sentido queremos que sexa todo ese tecido quen defina, formule, oriente concrete e tamén execute os orzamentos que nos corresponde elaborar ás diferentes áreas que colguen da Vicepresidencia 1º, e por iso agardamos e contamos en todo caso que o tecido social das comarcas de Lugo se mobilice a fin de que este paso, que nós pensamos cualitativamente importante para a calidade democrática, sexa un éxito”.

Exit mobile version