Site icon Crónica3.com A Mariña

Prevese que de xeito progresivo a Xunta poña en marcha unha sede electrónica para trámites e información

Nota de prensa

A XUNTA PON EN MARCHA A SEDE ELECTRÓNICA, UN PUNTO DE ACCESO ÚNICO Á INFORMACIÓN E AOS TRÁMITES DE TODA A ADMINISTRACIÓN ATONÓMICA SEN CONDICIONANTES DE TEMPO E ESPAZO

De xeito progresivo iranse incorporando ao enderezo https://sede.xunta. os mesmos servizos que o cidadán ten á súa disposición a día de hoxe en calquera das ventás das consellerías.
Coa entrada en funcionamento desta canle xorde unha nova forma de realizar as xestións públicas coas máximas garantías de seguridade as 24 horas do día os 365 días do ano.
A sede dispón tamén dunha guía de procedementos e servizos para o cidadán conindicacións como os prazos de resolución .
O usuario poderá consultar a información sobre o estado dos seus trámites a través do Cartafol do Cidadán e disporá dunha epígrafe de queixas e suxestións.

A Xunta pon en marcha mañá a sede electrónica, un punto de acceso único a toda a Administración e ás súas entidades instrumentais a través da rede que, de xeito progresivo, ofrecerá aos cidadáns á mesma información e os mesmos servizos que teñen agora á súa disposición en calquera das ventás das consellerías. Así o informou hoxe a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica no Consello da Xunta.

A sede electrónica é un paso máis dentro das actuacións previstas no Plan de Modernización da Administración autonómica e co que se dá cumprimento á Lei 11/2007, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Coa entrada en funcionamento desta canle o Goberno autonómico cumpre tamén os prazos recollidos no decreto de Administración electrónica de Galicia 198/2010. Coa sede electrónica xorde unha nova forma de realizar as xestións públicas, sen condicionantes horarios nin de espazo, de xeito gratuíto, coa máxima seguridade e contribuíndo a un uso máis eficiente dos recursos públicos.

A día de hoxe a Xunta conta cuns 1.500 procedementos administrativos de diferentes consellerías e departamentos, dos que uns 120 se poden presentar de xeito telemático.

Paulatinamente estes procedementos incorporaranse á sede e calquera novo procedemento que xurda crearase xa para ser presentado de xeito electrónico. Deste xeito avánzase no compromiso do Goberno galego de reducir as cargas administrativas que implican a presentación de trámites en papel. O obxectivo marcado polo Plan de Modernización da Administración é acadar no 2013 o 100% da tramitación en liña dos procedementos administrativos e avanzar cara unha política ‘cero papel’.

Progresivamente iranse incorporando ao enderezo https://sede.xunta.es os servizos e a información necesaria para que o cidadán poida interactuar por medios electrónicos, durante todos os días do ano e as 24 horas do día, con todos os órganos da Administración xeral da Xunta de Galicia, para a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións relativas aos diferentes procedementos administrativos abertos por parte deles. Deste xeito o cidadán poderá exercer, en condicións totalmente seguras, o seu dereito de acceso á información e aos servizos electrónicos que o Goberno galego pon á súa disposición na sede.

Desde que accede á sede o cidadán terá a seguridade de que toda a información que intercambia coa Administración está cifrada e o acceso mediante certificado electrónico ou DNI garante a identidade da persoa.

Contidos e servizos

En canto aos contidos e servizos, a sede disporá dun sistema de verificación dos certificados de sede que lle permitirá comprobar ao usuario que os documentos electrónicos xerados nesta canle son auténticos. Isto é posible grazas ao Código de verificación electrónica que informa automaticamente da autenticidade ou non do documento e, de ser o caso, proporciona os datos relativos a este último, entre eles a identificación do seu asinante ou o selo temporal que certifica a súa data de publicación.

A sede dispón tamén dunha guía de procedementos e servizos á disposición do cidadán con indicacións como os prazos de resolución, cales poden ser tramitados parcial ou completamente de xeito electrónico así como os formularios necesarios para cada un deles.

Os cidadáns poderán consultar a información sobre o estado dos seus trámites a través do Cartafol do Cidadán e disporán dunha epígrafe de queixas e suxestións onde interpoñer aquelas cuestións que consideren oportunas. Tamén terán acceso a través da sede ao Diario Oficial de Galicia á información do taboleiro de anuncios electrónicos da Xunta, aos expedientes sometidos á información pública e á ligazón á plataforma de contratos públicos de Galicia. Ademais, tamén albergará o Rexistro Electrónico da Xunta que será un punto de entrada máis para toda a documentación que o cidadán poida xestionar coa Xunta de Galicia.

Vantaxes para o cidadán

A sede evitará a desorientación do cidadán grazas a un réxime común de tramitación administrativa e a unha estruturación independente de cambios organizativos.

Simplifícase a relación entre o cidadán e a Administración, facilitándolle un único interlocutor para os efectos operativos. Ademais, a sede electrónica da Xunta garante o cumprimento do esquema nacional de seguridade e interoperabilidade, unha maior flexibilidade e adaptabilidade ante posibles cambios nos órganos da Xunta e unha maior seguridade, fiabilidade e dispoñibilidade do servizo.

Exit mobile version