Site icon Crónica3.com A Mariña

Rajoyismo 10.0

Rajoyismo 10.0

Mira ti por onde, desde os xornais asturianos veña a chamarnos a atención sobre o afán expansionista do nacionalismo galego (e todo aquilo que, desde Galiza, contraviñera os seus intereses) e resulta que a nova imaxe do señor Rajoy (rajoyismo en estado puro en versión 10.0 ou a que faga falta) promove mapas galegos nos que se inclúen as comarcas limítrofes de fala galega de Asturias e Castela-León.

A maior abondamento, nese mapa, que aparecía detrás da imaxe dun Rajoy mozo, coidamos que pouco menos ao dereito de aprobar as oposicións (si: el tamén é funcionario; en excedencia, pero funcionario á fin), podíase ler “Galiza” e contemplar a bandeira galega coa estrela vermella de cinco puntas no medio. Oes! Para que digan que non hai meigas! Cousas do demo, tu!

Canto non teñen laretado a conta da forma “Galiza”. Lembremos que a Real Academia Galega considera que, desde o punto de vista histórico, é lexítimo e correcto o seu uso. Pois erre que erre poñelo todo patas arriba cando o escoitaban nunha comisión parlamentaria ou no pleno. O malo do asunto é que, como premio a tanta paifocada, algún deles agora dirixe importantes organismos. E cos tempos que corren! Sábeno ben no porto de Vigo, por exemplo.

Quizais isto comece a ser un pequeno exemplo das consecuencias do rexeitamento de todo aquilo que soe a galego, á nosa cultura, á nosa identidade. Agora, ademais, acentuado cos recortes en educación e cultura. Que hai que buscar un mapa de Galiza, pois o primeiro que saia pola internet. Que a bandeira galega leva unha estrela vermella, pois débenche ser do Depor ou do Celta. Mira que chama a atención que as dúas equipas, co mal que se levan entre si, teñan a mesma. Pero non penses demais, que é de parvos. E igual desconfían de nós e non nos renovan o contrato ao longo da semana. Dálle para adiante a ese mapa e morra o conto.

Cousa de meigas? Máis ben da precarización e de negarse a querer coñecer o propio (xa non digamos valoralo). Recortas en educación e acaban pasando esas cousas. “O tempo´a! O mo´es!”, que dicía o pirata orixinario de Numidia, aínda que tamén repoñía despois “E´a´e humanum est”. Pois claro que si, ho! Que foi o que lle ocorreu ao señor Pons, aducindo que a foto en cuestión, como era vella, respondía a un mapa moi antigo que causara polémica. Quérennos facer parvos. ┐E non traizoaría o inconsciente a Rajoy e estaría intentando mandarlle un recadiño (subliminal, of course) a Paco Cascos (e por extensión a Esperanza Aguirre) por aquilo de lles presentar lista o Foro en Madrid? Semella que o abandono do “marianismo”, disque por connotacións relixiosas cuase místicas, comezou un pouco ra(jo)iante. Non é?

Farruco GRAÑA

Exit mobile version