Site icon Crónica3.com A Mariña

Sanidade habilita 141 puntos de atención na campaña de vacinación antigripal

Nota de prensa

SANIDADE HABILITA EN LUGO 141 PUNTOS DE ATENCIÓN DENTRO DA CAMPAÑA DE VACINACIÓN ANTIGRIPAL, QUE DA COMEZO O VINDEIRO LUNS

A delegada territorial, Raquel Arias, deu conta das novidades do proceso para este ano e puxo como exemplo da relevancia da mesma o feito de que na última campaña foron 75.000 persoas as que se beneficiaron desta actuación na provincia

Lugo, 29 de xullo de 2011.- A Consellería de Sanidade dará inicio o vindeiro luns, día 3 de outubro, á campaña anual de vacinación fronte a gripe e o pneumococo, que se prolongará ata o 19 de novembro.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, presentou esta mañá os pormenores do desenvolvemento da campaña na provincia de Lugo, onde se disporán 141 puntos de vacinación: 83 en centros de saúde e 58 noutro tipo de institucións. Así, explicou, “ademais de centros hospitalarios e consultas médicas, a campaña lévase a cabo en residencias e centros para a terceira idade de titularidade pública ou privada; unidades asistenciais de drogodependencias; centros penitenciarios, e centros de atención a discapacitados”.

Acompañada pola xefa territorial de Sanidade, Purificación Rivas, a delegada territorial fixo fincapé nas principais novidades introducidas, que este ano refírense basicamente a “melloras loxísticas para os profesionais”, de forma que “se estende o rexistro de doses administradas a todo o sistema sanitario público por vía informática, así como a xestión de pedidos das vacinas e material da campaña a través da páxina web do Sergas”.

Igualmente, consolídanse as melloras introducidas o pasado ano: Por un lado, a ampliación do tramo de idade da poboación diana a todas as persoas de 60 anos ou máis –a idade mínima ata entón estaba fixada en 65 anos-; e por outro, na poboación de 75 ou máis anos e nos ingresados en residencias aplicarase unha vacina adxuvada, que ten maior poder inmunóxeno

A Consellería de Sanidade leva a cabo unha importante labor de difusión da campaña para que todas as persoas interesadas teñan acceso ás vacinas. Ao respecto, Raquel Arias destacou os datos de participación alcanzados o pasado ano na provincia, cando se administrou a vacina antigripal a 75.308 persoas e a vacina antipneumocócica a 3.004 usuarios.

En concreto, vacináronse contra a gripe 63.175 persoas de 60 anos ou máis, o que supón unha taxa de cobertura neste colectivo do 53% -no tramo de idade de máis 75 anos a taxa ascendeu ao 64,5%-, e tamén outras 12.133 persoas menores de 60 anos, ben por estar incluídas en grupos de risco ou por circunstancias puntuais.

Por último, no colectivo de traballadores e traballadoras dos centros sanitarios, vacináronse na provincia 1.225 persoas. Cabe subliñar que é obxectivo específico da consellería para este ano o de aumentar a cobertura en traballadores e traballadoras de centros sanitarios.

Ao respecto, Arias incidiu en que “a súa participación resulta de especial importancia para reducir as posibilidades de transmisión da enfermidade ás persoas que coidan ou atenden, ademais de valorar o beneficio individual que achega esta vacina”.

Na presente campaña a Consellería de Sanidade investiu 3,7 millóns de euros; adquiríronse un total de 610.000 doses (580.000 doses de vacinas antigripais e 30.000 doses de vacina antipneumocócica).

Poboación diana

Á marxe dos grupos concretos de idade xa citados, a campaña tamén vai dirixida a todas as persoas pertencentes aos grupos de risco, entre as que se inclúen aquelas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias, incluíndo asma; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; persoas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -de seis meses ata 18 anos- con tratamentos prolongados de ácido acetil salicílico (aspirina); as persoas con obesidade mórbida, e as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.

Integran tamén a poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco. Ademais dos traballadores e traballadoras de centros sanitarios e sociais -xa mencionados- figuran os que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros, as persoas que pola súa ocupación poden estar en contacto con aves, e os viaxeiros internacionais.

Raquel Arias animou a todas as persoas interesadas a poñerse en contacto co seu centro de vacinación onde lle informarán de cómo e onde solicitar a cita. En todo caso, advertiu, “a campaña ten unha duración de sete semanas, e é preferible que os interesados non acudan masivamente nestes primeiros días para evitar a sobrecarga do sistema asistencial”.

Exit mobile version