Site icon Crónica3.com A Mariña

Traballadoras e traballadores da limpeza no Hospital da Costa anuncian mobilizacións por un novo convenio

Nota de prensa

As traballadoras e traballadores da limpeza no Hospital da Costa de Burela anuncian mobilizacións por un novo Convenio.

“As traballadoras e traballadores de limpeza no Hospital da Costa de Burela anuncian, ante a falta de acordo con SAMYL.SL, empresa adxudicataria deste servizo neste centro, na negociación dun novo Convenio Colectivo, o inmediato comezo de mobilizacións. No actual Convenio, cuxo período de vixencia rematou no 2006, recóllese a equiparación salarial co Grupo E do Sergas polo que, na actual negociación o motivo de desencontro non é o económico senón o social. O único punto que recolle a plataforma da parte social na mesa negociadora, constituída o 10 de marzo, é a equiparación da xornada ao referido grupo do Sergas. É dicir, que de asinarse o novo Convenio, esta equiparación sería total, tal e como ocorre na totalidade de centros hospitalarios do país. Non parece, pois, de recibo, que o persoal deste sector no noso hospital sufra tal discriminación en relación coas compañeiras e compañeiros que prestan os seus servizos noutros centros. Ante isto o persoal solicita que a empresa asuma a súa responsabilidade e contribúa á resolución do conflito. Do contrario en breve se anunciarán as mobilizacións que as traballadoras e traballadores levarán a cabo.”

Esta é a nota de prensa que enviaramos aos medios en outubro do 2010. Hoxe, despois de case un ano, vémonos na obriga de anunciar que se reanudarán as mobilizacións.

Logo desas mobilizacións do ano pasado conqueriuse que a empresa se sentase a negociar. Froito desa negociación mesmo se chegou ao acordo de que a equiparación total se producise no 2013 e entretanto se fosen dando unha serie de pasos intermedios.

Pero á hora de plasmar eses acordos nun papel para asinalos e darlle validez legal en forma de novo Convenio Colectivo, atopámonos con que empresa non só non respectou eses acordos senón que omite ou mesmo modifica artigos do actual convenio que para nada estaban en cuestionamento nin foran postos enriba da mesa negociadora por ningunha das partes.

É por isto, e insistindo na xustiza e lexitimidade das nosas reivindicacións, que nos vemos na obriga de reanudar o calendario de mobilizacións. Xa que logo, a partir do luns día 3 de outubro e de forma diaria, as traballadoras e traballadores do servizo de limpeza concentraranse ás 10.45 no recibidor do hospital. De non acadar que a empresa reconsidere a súa postura, reservámonos o dereito de adoptar novas e diferentes medidas de presión.

Exit mobile version