Site icon Crónica3.com A Mariña

35 anos de Lumieira

35 anos de Lumieira

[Sirvan estas verbas de homenaxe á A. C. Lumieira (de Carballo) como recoñecemento ao labor de todas as agrupacións culturais do país que desenvolven unha actividade vital para que o facho da nosa cultura siga aceso.]

Os 35 anos de actividade desenvolvidos pola A. C. Lumieira foron, son, e seguirán a ser cos actos que continúen a organizar, luz para o pobo, alento para a nosa lingua e vitalidade para a nosa cultura. Desde que o noso país comezou a tomar conciencia da súa propia personalidade houbo varias ocasións nas que tivemos que facer fronte a tempos difíciles. Pero sempre apareceron mans dispostas a dar o relevo, a recoller o sinal, e continuar coa actividade dignificadora e divulgadora das nosas tradicións e dos novos valores que ían agromando.
Ao longo dos anos 30 do século pasado produciuse unha notábel recuperación da nosa identidade cultural. A Xeración Nós levou a cabo unha enorme actividade nos eidos literario, gráfico, pedagóxico e científico. Eles retomaron o facho recollido polas Irmandades da Fala, que á súa vez daban vida de novo ao Rexurdimento galego do s.XIX. Coa guerra civil e a posterior ditadura franquista, de novo volverían os anos escuros, pero a Xeración Galaxia (non sen certo elitismo, pero cun esforzo encomiábel) habería de portar de novo a lumarada da nosa cultura. Poñendo en marcha a editorial do mesmo nome lograron rachar co illamento no que vivían moitos galeguistas na posguerra. Ademais, fixeron presente fóra do país a personalidade diferenciada de Galiza e lograron restablecer o vínculo coas novas xeracións universitarias que non viviran a guerra. Para eles, o galego non limitaba, proxectaba cara ao mundo.
En Carballo, ao longo dos anos 60, o Teleclub Fogar da Xuventude (pertencente ao centro parroquial) desenvolvía actividades de todo tipo, entre as que cabían aquelas que mostraban preocupación por temas sociais e culturais teimudamente silenciados e ignorados pola oficialidade. Tamén se constituíu en torno a dita actividade o Grupo Nós, lembrando precisamente á Xeración Nós e as súas inquedanzas. Intercambiábanse libros coa fin de crear unha biblioteca colectiva, realizábanse conferencias (as que superaban o filtro da censura), recitais poéticos… todas elas actividades realizadas coa clara pretensión de espertar a conciencia galeguista. Anos máis tarde, ese grupo de mozos e mozas transformarían o Grupo Nós na A. C. Lumieira.
A mocidade dos anos 60 e 70, chea de ilusións e desexosa de participar na vida pública tomaba o relevo. De novo a labarada que mantiña viva a nosa cultura era recollida e portada con tesón. Lumieira en Carballo, pero tamén O Facho na Coruña, O Galo en Santiago, a Auriense en Ourense, Abrente en Ribadavia, Francisco Lanza en Ribadeo, Sementeira en Viveiro… Todas elas, e outras que agromaron posteriormente, colaboran coa difusión do noso patrimonio material e inmaterial; todas elas xeran riqueza (tanto cultural como social e económica). Cando Lumieira organiza currunchos literarios colabora na dinamización do mundo do libro; o mesmo ocorre co teatro (tanto traéndoo como organizando un grupo propio que sae fóra e mostra o seu saber facer); o seu froito velaí está, no FIOT; o concurso de debuxo no Día das Letras Galegas é un clásico para os nosos cativos e cativas; dando a coñecer o noso patrimonio paisaxístico e ecolóxico espertamos a conciencia cidadán tanto para protexelo como para gozar del; que intensa e interesante foi a experiencia de Carballo 105, a emisora de radio libre bergantiñán; tampouco podemos esquecer A Regueifa… En fin: todas elas actividades que seguen mantendo viva a nosa cultura e proxectándonos cara ao exterior. A lumieira da nosa lingua, da nosa cultura, segue a estar acesa grazas ao esforzo colectivo das xentes da A.C. Lumieira, das xentes de todas as agrupacións culturais do país, e de todas as persoas que participan nas súas actividades.

Farruco GRAÑA

Exit mobile version