Site icon Crónica3.com A Mariña

Esta semana 300 persoa coñecen a provincia de Lugo, dende A Mariña ata a Montaña, co programa Km0

Nota de prensa:

O Km0 continúa dando a coñecer a diversidade da riqueza provincial ós máis de 300 participantes desta semana

– Os participantes gozarán coas rutas que os levarán por diferentes puntos da provincia, dende A Mariña á Montaña luguesa.

-A Deputada de Economía, Pilar García Porto, recibiu hoxe a 48 membros do Centro de Maiores de Caixa Galicia de Monforte de Lemos e a 55 da Asociación veciñal de Benade, que visitaron os municipios de Palas de Rei, Guntín e Cervo.

Grazas o programa KM0, centos de lucenses redescobren cada semana a riqueza que ofrece a provincia. Esta semana, máis de 300 persoas pertencentes a seis colectivos lucenses terán a oportunidade de comprobar a importancia que o patrimonio histórico- artístico, a industria e a pesca teñen dende hai séculos e que contribuíron a poñer a nosa provincia no mapa.

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, recibiu este martes no Pazo Provincial a 48 membros do Centro de Maiores da Obra Social de Caixa Galicia de Monforte de Lemos, que partiron despois cara Bonxe para visitar un obradoiro onde se elabora a súa famosa oleiría e achegarse logo ata o Concello de Palas de Rei, onde gozaron co castelo de Pambre e as fermosas vistas que ofrecen os seus arredores. Xa pola tarde, continuaron o seu percorrido por terras palenses para admirar mostras da arquitectura civil e relixiosa deste Concello, como son o Pazo de Vilane e o Mosteiro de Vilar de Donas, respectivamente. A continuación proseguiron co seu camiño cara o Concello de Guntín, onde se achegaron a visitar outro importante mosteiro, o de Ferreira de Pallares.

A do martes tamén foi a xornada escollida por 55 membros da Asociación de Benade, de Lugo, que se decidiron pola ruta do Paseo dos Namorados, que os levou ata o Concello de Cervo para coñecer as instalacións da fábrica e da antiga Casa da Administración de Sargadelos e percorrer o Paseo dos Namorados, así como as rúas da localidade de San Cibrao.

O mércores será o turno doutros dous colectivos: veciños de Begonte e a Asociación de Valdeflores de Xunqueira, de Viveiro. Os 55 membros do primeiro grupo percorrerán o contorno da Ría de Ribadeo, grazas ó paseo en barco polas súas augas e a visita ó casco histórico da vila mariñana. Os 48 asociados do colectivo viveirense, pola súa banda, vivirán unha xornada na montaña, achegándose ata Piornedo para coñecer a típica palloza e os seus arredores para facer logo unha ruta que os levará ata a parroquia de Donís.

Na terceira xornada serán 48 solicitantes individuais e 55 da Asociación de Veciños de Abadín os que se dirixirán cara Lourenzá os primeiros e A Lonxa de Burela os segundos. En Lourenzá coñecerán os diferentes atractivos que ofrece este Concello, como a morrena de Vilapena, o Mosteiro de San Salvador ou un establecemento de venda da famosa faba de Lourenzá.

Pola súa banda, os veciños de Abadín achegaranse ata a Mariña para coñecer de primeira man o xeito no que se desenvolven parte dos traballos máis representativos da pesca, coa visita que farán ó barco boniteiro e ás redeiras, ademais de vivir a intensa actividade da Lonxa.

Exit mobile version