Site icon Crónica3.com A Mariña

A área de Benestar da Deputación manterá en 2012 a liña de Axuda no Fogar fronte aos recortes da Xunta

Nota de prensa

ANTONIO VEIGA AFIRMOU QUE “FRONTE AOS RECORTES DA XUNTA, A DEPUTACIÓN MANTÉN O GASTO SOCIAL”

Diante da preocupación dos Concellos pola situación creada polos recortes da Xunta nas axudas aos servizos sociais, Veiga trasladou “o compromiso da Área de Benestar da Deputación, que manterá en 2012 a liña de Axuda no Fogar”

Antonio Veiga lembrou que foi o BNG quen puxo a andar o programa de “Axuda no Fogar” na Deputación de Lugo, grazas ao cal os concellos lucenses poderán manter este servizo malia a brutal redución do 70% da Xunta de Galiza”

LUGO, 27 de outubro de 2011. O Vicepresidente da Deputación de Lugo e Delegado de Benestar Social, o nacionalista Antonio Veiga, pronunciouse esta mañá sobre os recortes que está a levar adiante a Xunta de Galiza en materia de gasto social e de xeito moi particular no que ten a ver cos drásticos recortes que o Goberno Galego está a realizar en relación co servizo de axuda do fogar. O nacionalista indicou que “foron moitos e moitas os alcaldes de concellos de todas as comarcas de Lugo que se puxeron en contacto comigo para indicarme a situación limite nos que a Xunta está a poñer aos Concellos cos recortes nesta materia, até o punto de que son varios os Concellos que xa se están pensando se manter este servizo para o ano vindeiro e, desde logo, o que si que teñen claro a totalidade deles é a imposibilidade de manter o servizo de axuda no fogar coas contías que o Goberno Galego destina ao respecto”. Neste sentido, Veiga comentou tamén “a preocupación que lle trasladaron desde os Concellos de Lugo polo feito de que os mesmos tiñan feito unha planificación contando con que a Xunta mantivera as dotacións do pasado exercicio, o que levou aos Concellos a adiantar o diñeiro de custes de persoal, e agora, ao diminuír drasticamente a contía das axudas, está provocar un auténtico problema de desfase nas contas dos concellos e un afogamento ás súas xa apuradas tesourerías”.

Veiga afirmou que “estas políticas que está a levar a cabo a Xunta chocan frontalmente coa que leva a Área de Benestar Social da Deputación de Lugo, xa que o ano pasado este departamento investiu nesta liña concreta de “Axuda ao fogar” a cantidade de 500.000 euros”. Neste sentido, Antonio Veiga lembrou que “hai que ter en conta que para que a Deputación de Lugo contase co servizo de Axuda no fogar houbo que esperar a que chegase o BNG a esta institución, xa que foron os nacionalistas quen a botaron a andar hai xa 3 anos”.

O vicepresidente da Deputación e responsábel da Área de Benestar Social afirmou que “para nós constitúe un exemplo manifesto de pésima xestión o feito de que unhas axudas como estas non se resolvan a final de ano como fai a Xunta de Galiza. Como contraposición, a Área de Benestar da Deputación resolve a convocatoria das súas axudas con data do 11 de abril, polo que desta maneira os concellos coñecen a cantidade que lles corresponde neste concepto e poden botar as súas contas e facer unha planificación correcta dun servizo que teñen que prestar, e non se levan desagradábeis sorpresas, que inducen a desaxustes orzamentarios, como aconteceu neste caso coas axudas da Xunta de Galiza”.

Antonio Veiga entrou a facer unha valoración e apuntou que “a Deputación considera estes recortes absolutamente brutais, que se xeneralizan no conxunto dos concellos, e están vinculados á propia concepción que a Xunta de Galiza ten do “benestar”, que se achega máis á idea de esmola ou de beneficencia que ao que debería ser a prestación dun servizo por parte dunha administración pública”. Para Veiga, o feito de “recortar por aquí ten unha intención política clara e reflicte que a Xunta de Galiza non aposta por quen menos ten e máis o necesita, mais desde a Área de Benestar da Deputación temos claro que hai moitos sitios por onde recortar antes que facelo por este lado”.

Fornecendo unha serie de datos obxectivos, Veiga sinalou que “hai 47 concellos da provincia que son beneficiarios da liña de axuda no fogar da Deputación de Lugo, co que se pode facer referencia ao trato discriminatorio por parte da Administración Autonómica poñendo como exemplo o caso do Concello da Pastoriza, ao que a Xunta de Galiza pasou a dar para atención aos maiores de 17,707,87 euros a 4.809 euros (-13.000 euros) mentres que a Deputación mantivo a súa aportación de 7.745 euros, igual que o ano anterior. Ao longo da provincia danse outros exemplos como o caso de Ribadeo ou Mondoñedo, que recollen hoxe a prensa, no que este último pasou de recibir para Axuda no Fogar de 22.537 a 7.316 euros, ou o caso de Quiroga, no que a Xunta rebaixou a cantidade de 5.700 euros dos 21.000 do ano anterior, mentres a Deputación de Lugo mantivo íntegra a asignación de 3.480 euros.

Por todo isto, Antonio Veiga afirmou que “nós queremos volver a manifestar o compromiso pleno da Área de Benestar no mantemento do gasto social, nomeadamente, no que ten que ver ao programa Axuda no Fogar, xa que foi a partida na que máis reduciu o apoio a Xunta de Galiza. Noutros servizos, que tamén contan co apoio da Área de Benestar da Deputación, a rebaixa, aínda sendo importante, non acada eses niveis, xa que tamén nos preocupa o caso que está a acontecer coas axudas á Dependencia, xa que aínda que non baixan as cuantías totais, si aumentaron o número de dependentes a atender co mesmo diñeiro, polo que evidentemente se rebaixara a cantidade disposta a atender a cada dependente”. “Na mesma liña tamén queremos denunciar o feito do déficit que ten Lugo xa tamén no que refire a equipamentos de natureza social e que dá conta o mapa de equipamentos sociais. Neste sentido preocúpanos a información que deu a coñecer a Consellaría de Traballo e Benestar, xa que indicou que priorizaría os investimentos en equipamentos sociais na franxa atlántica e non no interior e no rural. Isto indica tamén ás claras a liña por onde van facer os investimentos e cal é a súa intención”.

Veiga rematou lembrando que “sen o compromiso da Deputación cos concellos lucenses, estes non poderían prestar o servizo de axuda no fogar. Por iso trasladamos aos alcaldes que se puxeron en contacto con nós para facernos chegar esta situación que a Deputación non vai deixar colgado aos concellos lucenses nin moito menos ás nosas persoas maiores, que é o realmente importante e son aos que vai dirixido o servizo, xa que ademais de ser unha cuestión de ética teñen dereito pola propia lexislación”.

Neste sentido, Veiga afirmou, arredor destes desaxustes provocados pola brutal redución da Xunta no apartado do gasto social, que “a Deputación vai estar en estreito contacto cos concellos lucenses apoiándoos en todo momento, a fin de colaborar con eles na prestación dos servizos sociais e defendelos dunha política da Xunta que reduciu de promedio un 70% os fondos destinados á axuda a domicilio nos concellos de Lugo, chegando nalgúns casos ao 90%”.

Exit mobile version