Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación A Sombriza convoca un concurso de carteis polo “Día de loita contra a violencia machista”

NOTA DE PRENSA

Co gallo dos actos organizados polo 25 de novembro, día internacional de loita contra a violencia machista

A ASOCIACIÓN A SOMBRIZA CONVOCA O CONCURSO ESCOLAR DE CARTEIS PARA A SENSIBILIZACIÓN CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O fallo do xurado darase a coñecer o 25 de novembro e o premiado obterá unha tablet pc e o seu cartel impreso será distribuído por distintos centros educativos da nosa comarca.

No certame artístico, que celebra a súa terceira edición consecutiva, pode participar o alumnado de secundaria de todos os institutos da Mariña lucense.

Cervo, 26 de outubro de 2011.- A asociación cultural A Sombriza vén de convocar a terceira edición do concurso escolar de carteis para a sensibilización contra a violencia de xénero. A través desta actividade A Sombriza pretende concienciar e sensibilizar á sociedade da Mariña e, de xeito destacado, ás xeracións máis novas, para que se comprometan na erradicación da violencia machista.

O GAÑADOR RECIBIRÁ UNHA TABLET PC

A proposta do colectivo cultural mariñán vai dirixida a todos os alumnos dos institutos de secundaria da nosa comarca que por un día queiran converterse en publicistas e para iso elaborarán un cartel co que chamar á atención no combate desta violencia sexista. O xurado, fallará o premio o día 25 de novembro e agasallará ao equipo ou alumno gañador cunha tablet pc.

Os traballos poden presentarse en soporte papel e/ou formato dixital, sendo a cor e a técnica utilizada libre, sempre que permitan unha correcta reprodución de imprenta. Os arquivos en formato dixital, poden remitilos á dirección de correo asombriza@yahoo.es. Os carteis que optan ao premio deberán ser orixinais e inéditos, non son válidos os que xa foron presentados noutros concursos e non deben supoñer en todo ou en parte, copia ou plaxio de obras publicadas doutros artistas. Cada concursante poderá presentar como máximo dous traballos con un lema diferente para cada un deles.

EXPOSICIÓN DE OBRAS PARTICIPANTES

A obra gañadora ilustrará os carteis e/ou folletos que se editen con motivo do 25 de Novembro do ano 2011 e serán distribuídos entre os distintos concellos e institutos da Mariña.Os carteis non premiados, poderán ser expostos nos actos que se realicen por parte do colectivo cultural A Sombriza, só ou en colaboración con outras administracións, en conmemoración do 25 de Novembro.

GRANDE ÉXITO NA PASADA EDICIÓN

Na pasada edición o concurso contou cunha grande participación do alumnado dos institutos de secundaria da Mariña lucense -convidados a participar no concurso- e recibíronse 67 láminas, moitas delas elaboradas polos alumnos que cursaban materias de debuxo ou ensinanzas plásticas. O gañador da pasada edición foi Juan Mario Lawicki Aragón, estudante de primeiro de bacharelato do IES Perdouro de Burela e o seu cartel será distribuído en todos os centros educativos de secundaria.

Exit mobile version