Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Ensino anima ao profesorado a participar en Foz na concentración en defensa do ensino público

A CIG-Ensino chama ao profesorado a participar en Foz na concentración en defensa do ensino público
Nota de prensa

A CIG ENSINO ANIMA A PARTICIPAR NA CONCENTRACIÓN DO DÍA 18 EN FOZ EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO

Ribadeo, a 17 de outubro de 2011.- A CIG-Ensino anima a todo o profesorado a acudir á concentración en defensa do ensino público que terá lugar este martes, día 18 de outubro. A concentración celebrarase en Foz, na Praza de Galicia (ao lado do Ceip Nº1) a partir das oito da tarde.

O lema da mobilización é “contra os recortes en educación e en defensa do ensino público” e está apoiada e convocada por todos os sindicatos do sector (CIG, UGT, CCOO, ANPE, STEG E CSIF). Dita concentración está aberta á participación de toda a comunidade educativa (alumnado, pais e nais e profesorado) e da sociedade en xeral.

Aínda que o detonante de todas as mobilizacións do profesorado foi a ampliación de horario e a obrigatoriedade de facer funcións que non son propias da docencia como a custodia do alumnado transportado, o motivo último son os continuos ataques e recortes que por parte da Consellaría de Educación e da Xunta de Galiza están realizando non só en detrimento das condicións laborais do propio profesorado senón en contra do ensino público galego deteriorando a súa calidade.

O motivo real que leva á Consellaría de Educación a impoñer estas medidas non é outro que continuar desmantelando os servizos públicos, co obxecto de avanzar na súa privatización. Trátase dunha directriz que veu aplicando xa no pasado curso, ao deixar de realizar moitas das substitucións necesarias e ao recortar profesorado nos centros. Agora, quixo levalo máis alá e incrementou o número de horas lectivas para reducir o número de profesores e profesoras necesarios. Falan de “xestionar de xeito eficiente os recursos” da Consellaría, mais este argumento non se sostén se consideramos que se tiran libros polo único delito de estar en galego ou se invisten cantidades importantes de diñeiro de todos nós en propaganda innecesaria e perniciosa. Polo tanto, recortan no ensino público, pero sempre coa única intención de desprestixialo en favor do privado, aínda que neste último se segregue alumnado por razón xénero.

A CIG afirma que seguirá manifestándose ata parar todas estas medidas sen precedentes contra un servizo público básico e impostas sen ningún tipo de negociación porque só o ensino público garante a igualdade social e a formación das xeracións futuras para avanzar nunha sociedade máis xusta. Ao final do acto farase a lectura dun Manifesto.

Exit mobile version