Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG presenta na comarca a súa campaña con alternativas ao actual modelo económico e social

Nota de prensa:

A CIG PRESENTA NA COMARCA, NUNHA ASEMBLEA DE DELEGADOS, A SÚA CAMPAÑA CON ALTERNATIVAS AO ACTUAL MODELO ECONÓMICO E SOCIAL

A CIG celebrou na tarde de hoxe en Burela unha asamblea comarcal de delegadas e delegados sindicais. Na mesma abordáronse os distintos conflictos que a día de hoxe marcan a delicada situación do mercado laboral na nosa comarca e presentáronse as alternativas que a CIG contempla como imprescindibles para mudar o modelo económico actual e polo tanto esta situación. Situación que está caracterizada, na Mariña, por unha constante e progresiva precarización dos postos de traballo por unha banda e, por outra, polos numerosos expedientes de regulación de emprego que día a día van agromando e deixando sen traballo a moitos mariñáns. As distintas intervencións constataron que estes constantes recortes non afectan só ao sector da empresa privada senón que nos últimos tempos mesmo no sector público se están manifestando cunha especial virulencia amparándose no comodín, que para todo vale, da crise económica. Observamos, pois, con preocupación, como se está pouco a pouco cercenando o ensino e a sanidade pública poñendo en tela de xuizo, non só os dereitos laborais dos profesionais destes sectores, senón os propios dereitos asistenciais, e o dereito a unha debida formación á cidadanía da nosa comarca.

E se a situación no eido público é preocupante, no eido privado esta é ainda menos alentadora. O panorama vén marcado por sucesivas reformas, laborais, de pensións, da Constitución… que lonxe, todas elas de buscar cambios estruturais que permitan un cambio de modelo, o que buscan é perpetualo, beneficiando aos grandes poderes que xeraron a crise e gravando ás clases traballadoras que nada tiveron que ver coa orixe da mesma.

As alternativas que presenta a CIG, buscan polo tanto un modelo máis xusto, máis solidario e máis apegado á realidade e ás necesidades reais das persoas. Un modelo cun maior poder adquisitivo dos salarios, con emprego estable; un modelo que fomente o gasto público produtivo e aumente os impostos da banca e das rendas máis altas; un modelo que remate co fraude fiscal e cos paraísos fiscais, que invirta na mellora dos servizos públicos, que cree e que crea nunha Banca Pública así como outras empresas públicas en sectores estratéxicos da economía. Un modelo, en definitiva que remate coa economía especulativa e faga un reparto máis igualitario da riqueza.

A campaña rematará o vindeiro domingo día 23 cunha gran manifestación nacional polas rúas de Compostela.

Exit mobile version