Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG solidarizase cos traballadores de Muebles Hermida que inicia un ERE que afecta a unhas 100 persoas

NOTA DE PRENSA

A CIG SOLIDARIZASE COS TRABALLADORES/AS DE MUEBLES HERMIDA

Ante a comunicación por parte da dirección de Muebles Hermida aos traballadores/as desta empresa de Lourenzá da decisión de iniciar un ERE de extinción de emprego que afectaría a máis da metade da plantilla (100 persoas aproximadamente) dende a Confederación Intersindical Galega queremos manifestar o noso rexeitamento, neste caso como en calquera outro, a medidas que provoquen a destrución de postos de traballo.

Podemos compartir que en determinados momentos, e este pode ser un deles, as empresas que teñan dificultades necesiten tomar medidas para manter a súa continuidade. Pero estas medidas teñen que contar sempre coa colaboración e aceptación do conxunto dos traballadores/as da mesma e ser o menos traumáticas posibles. Existen mecanismos para permitir sortear un período de crise como poden ser as suspensións temporais, reducións de xornada e outros sacrificios que poderían estar dispostos a asumir os traballadores pola continuidade da empresa e que non provocarían a destrución de empregos.

No caso de Muebles Hermida resulta moito mais sangrante a medida tan drástica que se pretende levar a cabo, polo numero de afectados e a repercusión social que tería para o entorno de Lourenzá e a nosa comarca en xeral.

Resulta incomprensible que unha empresa que ven de recibir nos últimos anos importantes axudas das administración públicas para poder contar cunhas instalación totalmente modernizadas non puidera ter tomado medidas menos traumáticas e que adaptaran a empresa ao momento de crise que padecemos. Desgraciadamente vemos a diario como moitas empresas están a utilizar a crise como escusa para a facer un adelgazamento das súas plantillas.

Dende a CIG queremos manifestar a nosa solidariedade con todos os traballadores e traballadoras de M. Hermida e o noso apoio a todas as mobilizacións e actos que convoquen.

Exit mobile version