Site icon Crónica3.com A Mariña

A Concellaría de Deportes de Ribadeo abre o prazo de inscrición para ximnasia nas parroquias

O VINDEIRO 17 DE OUTUBRO DARÁ COMEZO A XIMNASIA DE MANTEMENTO NAS PARROQUIAS DE RIBADEO. O PRAZO DE INSCRICIÓN ÁBRESE NO DÍA DE HOXE, SEGUNDO INFORMA O CONCELLO.

Ribadeo, 7 de outubro de 2011. Hoxe ábrese o prazo de inscrición para participar na ximnasia de mantemento nas parroquias, que organiza un ano máis a Concellaría de Deportes de Ribadeo. Os interesados deben cubrir a ficha que recibiron coa carta que estes días lles foi remitida desde o Concello e entregala ou ben no auditorio municipal ou ao monitor correspondente o día de inicio da actividade.

Desde a Concellaría de Deportes lembran que “como en anos anteriores será preciso presentar un informe médico conforme se pode realizar a actividade física da ximnasia de mantemento. Dito informe deberá ser entregado ao monitor”.

A ximnasia de mantemento nas parroquias de Ribadeo dará comezo o 17 de outubro e prolongarase ata o 16 de maio.

Os horarios, días de celebración e parroquias son os seguintes: en Vilaframil será os luns e mércores de catro a cinco da tarde; na Devesa será os martes e venres de 16:40 a 17:40 horas; en Vilausende luns e mércores de cinco e media a seis media da tarde; en Vilela tamén luns e mércores de seis e media a sete e media; a ximnasia de mantemento chegará os martes e venres de seis e media a sete e media a Rinlo/Obe; en Couxela será os luns e mércores de oito a nove da noite; en Vilaselán os luns de oito a nove e os xoves de sete a oito da tarde; en Noceda será os martes e xoves de oito a nove da noite; en Cedofeita os luns de 21:10 a 22:10 horas e os xoves de 20:30 a 22:30 horas; e en Remourelle os luns e mércores de 21:30 a 22:30 horas.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e o concelleiro de Deportes, Vicente Castro, enviaron unha carta aos veciños das parroquias para informalos dos horarios desta actividade, que é posible “grazas á boa disposición de todos e todas vós e ao éxito de participación que conseguimos desde o primeiro ano”.

Exit mobile version