Site icon Crónica3.com A Mariña

A corporación de Cervo someterá a aprobación a conta xeral do 2010 no próximo pleno

Nota de prensa

A CORPORACIÓN MUNICIPAL APROBARÁ O VINDEIRO XOVES A CONTA XERAL DO 2010

O Goberno local salienta a boa xestión municipal en contención do gasto e lembra que Cervo posúe unhas contas saneadas “por una política de austeridade”

Cervo, 7 de outubro de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou hoxe que os concelleiros dos tres grupos municipais que forman a corporación municipal celebrarán o vindeiro xoves, 13 de outubro, unha sesión plenaria en cuxa orde do día destacan os seguintes puntos:

Aprobación definitiva da Conta Xeral do exercicio 2010

O rexedor lembrou que coa aprobación desta Conta Xeral o Goberno local poderá render telemáticamente diante dos órganos fiscalizadores (Consello de Contas e Tribunal de Contas de Galicia) as súas obrigas “en tempo e forma”, tal e como obriga a lei.

Entre as principais magnitudes da Conta Xeral Villares salientou o saldo positivo de 509.115 euros no seu apartado de Resultado Orzamentario; xunto cos 17.044,45 euros tamén positivos no de Remanente de Tesourería. Neste punto en particular Villares destacou o feito de que o Concello lograse pasar o seu Remanente de Tesourería nos dous últimos exercicios dun saldo negativo de 1.677.614,9 euros (ano 2008) a estes 17.044 euros positivos “o que supón unha mellora do 101% nestes tres últimos anos” recalcou. Ademais, tamén destacou desta Conta Xeral o dato da Estabilidade Orzamentaria, que ascendeu a 633.458,85 euros.

Para o alcalde, estas cifras recollidas na Conta Xeral de 2010 reflicten que o Concello de Cervo “está facendo ben os seus deberes” en materia económica e explicou que esta mellora das contas municipais é froito dun estrito control do gasto e da posta en marcha hai tres anos dun plan de saneamento económico-financeiro “no que se tentou conter o gasto ao tempo que procurabamos garantir o mesmo nivel de servizos á nosa cidadanía” sinalou.

A pesares do positivo destes datos, Villares tamén quixo ser cauto e recoñeceu que en materia económica ningún concello pode “baixar a garda” sobre todo nestes tempos de crise. “Non se pode dicir que estes datos sexan optimistas. Temos que seguir nos pes no chan e continuar traballando nesta liña de xestión dos cartos de tódolos cervenses do mesmo xeito que o levamos facendo nestes anos e lograr así mellorar a economía do noso concello” indicou.

Festivos locais 2012 e adhesión a convenio

No pleno do vindeiro xoves tamén se aprobarán como festivos locais do vindeiro ano 2012 o 16 de xullo (N. Sra. Carme) e o 16 de Agosto (S. Roque).

Outro punto que se vai levar á sesión da vindeira semana é a proposta de adhesión ao convenio subscrito entre a Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en materia de subministro de información de carácter tributario, o cal, facilitará a tramitación administrativa de determinados expedientes en materia tributaria.

Exit mobile version