Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación adxudica as obras da sede da UNED en Lugo por 1 millón de euros

Nota de prensa

A Deputación adxudica as obras da nova sede da UNED en Lugo por valor de máis de 1 millón de euros

– Martínez avanza que en 6 meses estarán rematados os traballos o que suporá que a capital lucense conte co centro referencial da UNED no noroeste de España, destacando sobre os restantes tanto en Galicia como en Asturias, así como sobre os de León, Zamora e Salamanca

– Con estas actuacións propostas por López Orozco e logo de acondicionar os bloques 2 e 3 do Hotel Miño, a institución logra dar a este patrimonio público adquirido polo anterior Goberno provincial en 1984 nunha finalidade pública tras anos de abandono

– A Xunta de Goberno aprobou a distribución dos fondos europeos, permitindo iniciar de xeito inmediato a execución de proxectos de 25 millóns de euros para conseguir a estabilidade demográfica, ademais de crear emprego e novas oportunidades económicas

A Xunta de Goberno deste vernes aprobou a contratación da redación do proxecto e da execución das obras da nova sede oficial da UNED en Lugo no bloque 1 do Hotel Miño por valor de 1.055.105 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que, en 1 mes, a adxudicataria terá que presentar a iniciativa para, de xeito inmediato, solicitar ó Concello lugués o permiso de obra e así, finalmente, iniciar estes traballos en mes e medio. O Deputado avanzou que o periodo de execución dos mesmos é de 15 semanas. Isto suporá que a capital lucense contará co centro referencial da UNED no noroeste de España, destacando sobre os restantes tanto en Galicia como en Asturias, así como sobre os de León, Zamora e Salamanca, no prazo de 6 meses.

Segundo o acordado polo organismo provincial e pola Universidade Nacional de Educación a Distancia logo dunha visita ó Hotel Miño na que participaron o Presidente da Deputación -José Ramón Gómez Besteiro- e o director da UNED en Lugo -José Luís Prieto- e na que se determinaron as necesidades do centro educativo e as posibilidades das instalacións provincias; a sede da universidade na capital lucense terá 1.993 metros cadrados, que se distribuirán en 4 prantas:

– Na pranta baixa (446 m2) situarase unha biblioteca de acceso libre, con conexión a Internet de 10 megas e cuxa extensión triplica a existente. Ademais, localizarase o departamento de orientación, formación e emprego (COIE), así como o de atención ó alumnado.

-Na primeira pranta (536 m2) habrá 6 aulas compostas por tabiques móbiles facendo posible que en tempadas de maior afluencia de estudantes, por exemplo durante a celebración de exames, quede unha soa sala con capacidade para 200 persoas. Tamén neste espazo, se localizará a sala de reunións e a de dirección.

– Na segunda pranta (536 m2) estarán as restantes 12 aulas -isto significa que a UNED contará cun total de 16 aulas-, así como a área de informática.

– A terceira pranta (475 m2), que hoxe é a terrraza, converterase no espazo que acolla o salón de actos e os laboratorios.

A maiores, contará cun aparcadoiro de 1.900 metros cadrados, con preto de 100 prazas, que se afincará onde anteriormente se situaba o bloque 2. Tratábase dunha infraestrutura do ano 70, que só foi empregada como vivenda dos traballadores do Hotel Miño e que se atopaba en estado ruinoso. Ante esta situación, e tendo en conta que o plan de necesidades presentado polos técnicos da UNED onde se contemplaba a construción de dito espazo, a institución xa derribou este inmoble, achegando para elo, outros 89.000 euros e axilizando o traslado da Universidade a Distancia ás instalacións provinciais.

No bloque 3 do Hotel Miño atópase xa dende abril a brigada de mantemento da Deputación, composta por 32 traballadores, así como o Arquivo Provincial, departamento que se trasladou do Pazo de San Marcos e do Inludes onde se atopa desglosado a estas instalacións provinciais co fin de garantir a conservación de máis de 12.000 publicacións e evitar os problemas de humidade existentes no seu anterior emprazamento.

Finalidade pública

Deste xeito, coa adecuación dos 3 bloques do Hotel Miño e grazas á iniciativa do Alcalde de Lugo e Vicepresidente do Padroado da UNED, José López Orozco, a Deputación lograr dar a un patrimonio público unha finalidade pública. E é que o Hotel Miño foi adquirido polo organismo provincial en 1984. En 2007, a anterior corporación provincial acordou a súa posta á venda, operación que non chegou a formalizarse debido ó incumprimento do comprador. Posteriormente, voltouse por á venda en 2 ocasións nas que non se presentaron ofertas. Logo, ante a petición da Asociación Provincial da Hostelalería dun centro de formación en Lugo, a Deputación púxoo a disposición da Xunta sen obter resposta algunha. Finalmente, López Orozco propuxo o traslado da universidade ó Hotel Miño.

O Presidente da Deputación apoiou a iniciativa do Rexedor dende o primeiro momento debido as súas vantaxes: aforro dos 105.000 euros anuais que custa o aluguer da zona na Cámara de Comercio onde na actualidade se sitúa a UNED; maior espazo para acoller os máis de 1.500 alumnos que, segundo as previsións do Padroado, superarán en dous cursos os 2.000; cumprimento da obriga de adaptar o centro ó novo marco universitario europeo; contribución á permanencia da sede, é dicir, consolidación da existencia da UNED en Lugo; e, xunto co Plan Director do Río Miño de Deputación e Concello de Lugo, posta en valor da zona.

Cesión por 30 anos

Deputación, Concello de Lugo e UNED xa asinaron un convenio de colaboración mediante o cal, unha vez executadas as obras de adecuación do Hotel Miño, a institución provincial formalizará a cesión por 30 do inmoble á Universidade. Pola súa banda, o Concello lucense farase responsable do acondicionamento e mantemento das zonas verdes pertencentes ó Complexo. Este acordo tamén mantén que a institución achegará ás obras que veñen de ser aprobadas 1 millón de euros mentres que a UNED aportará outros 300.000 euros para levar a cabo novas melloras nas anualidades de 2011 e 2012.

“Inmediata execución dos fondos europeos”

A Xunta de Goberno acordou a distribución das axudas que vén de recibir a Deputación da Unión Europea dentro da convocatoria do Ministerio de Política Territorial e Administración Pública para este ano. Tratáse dun total de 17.781.162 euros que converteron ó organismo provincial na 5º entidade local de España que máis fondos comunitarios recibe. O voceiro provincial socialista salientou que “este trámite permítenos iniciar de xeito inmediato a execución de 3 proxectos dotados dun total de 25 millóns de euros co obxectivo de conseguir a estabilidade demografíca, crear novos postos de traballo e consolidar o medio ambiente como a oportunidade económica de Lugo”.

Trátanse de: 1.- O Pacto Provincial polo Emprego, o 5º proxecto de toda España e o 1º de Galicia que recibiu o maior importe dentro do Fondo Social Europeo, ó acadar 2.857.220 euros. Para esta iniciativa, achegase un total de 3.571.526 euros, cofinanciados nun 80% pola Unión Europea e nun 20% pola institución provincial. Isto permitirá, que 1.200 lucenses en paro reciban formación nas profesións con máis futuro na provincia, buscando a súa insercción laboral.

2.- O Innova-TE, o 4º proxecto en España que máis fondos comunitario recibiu con 10.316.159 euros, conta cun orzamento de 14.737.371 euros, cofinanciados nun 70% por fondos da Unión Europea e nun 30% por fondos propios. Logo de lograr, en menos de 1 ano, a total implantación da administración electrónica na provincia, así como que 31 Casas Consistorial teñan acceso a Internet, con este novo orzamento seguirase levando a banda longa ás dependencias locais malia que ser esta unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia. Ademais, incrementarase a formación gratuíta sobre as novas tecnoloxías para veciños de todas as idades e potenciaranse as actividades innovadoras de benestar social que mellora a calidade de vida da 3º idade mediante o In Lugo, o 1º centro de innovación social en Galicia posto en marcha pola Deputación.

3.- O presuposto de Lug02 ascende a 6.582.544 euros. Desta cantidade, o 70%, é dicir 4.607.781 euros, son fondos comunitarios mentres que 1.974.763 euros, o 30%, son fondos da institución provincial. Con este proxecto a institución segue apostando pola sostibilidade ambiental como un recurso estratéxico e económico para a provincia. E por elo, que aumentará os produtos autóctonos coa marca de calidade Lugo Sabe e os seus puntos de venda, incrementará a formación ós gandeiros para facer máis rendibibles as súas explotacións e aforrar custes, ou creará novas bolsas de emprego medioambientais.

A Xunta, “un goberno de rexional, nin de 1ª división, nin de segunda”.

O voceiro provincial socialista tamén respostou ás declaracións realizadas polo presidente provincial do Partido Popular en días pasados sobre os 100 días de goberno da Deputación. Neste senso, Manuel Martínez subliñou que “o señor Barreiro di que temos unha actitude sectaria, pero é incapaz de demostrar onde porque todos os proxectos que fixemos participaron todos os Concellos da provincia. O que ten que explicarnos e se está a favor de que a Xunta concerte prazas nas residencias, tal e como anunciou a Conselleira de Traballo en maio e incluso participe na construción”. Neste senso, subliñou que “hai que lembrar que a Deputación tivo que ir en auxilio de Concellos como Becerreá ou Fonsagrada porque, malia que quen ten as competencias nesta materia é a Xunta, non está asumir a súa responsabilidade. Para Lugo non hai nin un só euro. Estamos ante o pero goberno da Xunta dende que hai democracia. É un goberno de rexional, nin de primeira división nin de segunda, feito con recortes. Se nos metemos nas estradas, paralización total, en temas de incendios igual…”.

Así mesmo, Martínez esixiulle a Barreiro que intermedie para que o Presidente da Xunta reciba “nun prazo razoable” a Gómez Besteiro para abordar asuntos de interese para a provincia. “Barreiro a parte de ir a Madrid debía de intermediar para que o Presidente da institución sexa recibido. Aínda estamos esperando a que o señor Feijóo conteste dunha vez por todas ás 5 solicitudes de entrevista para tratar temas como as residencias ou como o Centro de Recría. O señor Feijóo é incapaz de recibir a un Presidente da Deputación, pois que mire se isto é sectarismo ou non”.

Exit mobile version