Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación denuncia que a Xunta bloquea a posta en marcha das 13 residencias provinciais da terceira idade

Nota de prensa

A Deputación denuncia que o incumprimento de Feijóo bloquea a posta en marcha das 13 residencias provinciais da terceira idade

– Porto e Valiño avanzaron que o Equipo de Goberno presentará no Pleno de mañá unha moción para instar á Xunta a cumprir a súa competencia concertando prazas, despois de prometelo varias veces, a última 6 días antes das eleccións e por escrito

– A institución luguesa buscou dende o primeiro momento que o Goberno Galego se implique nun proxecto vital para provincia, pois creará 500 prazas, reducindo o déficit existente nesta materia, e 150 empregos directos

– Na mesma proposición, o Executivo provincial reclama á Xunta que constrúa a residencia de Becerreá, como prometeu Feijóo en 2009, antes de ser investido Presidente

A Vicevoceira Pilar García Porto, e o Deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño, denunciaron este luns en rolda de prensa que o “incumprimento e desprezo” que mostra o Presidente da Xunta pola posta en marcha das residencias da terceira idade que o organismo provincial financia en 13 Concellos está bloqueando a execución das instalacións. Os Deputados lembraron que o Goberno galego, “o máximo responsable nesta materia”, manifestou publicamente en diversas ocasións a súa obriga de concertar prazas nos centros xeriátricos, a última vez 6 días antes de celebrarse as eleccións municipais, a través dunha carta remitida ó Alcalde da Fonsagrada pola Conselleira de Traballo.

Pasaron 5 meses, indicaron Porto e Valiño, e “nada sabemos desa promesa, nin tampouco das reunións institucionais e urxentes” que o Presidente provincial lle ten solicitado a Núñez Feijóo para abordar este e outros temas estratéxicos para o futuro de Lugo. Os Deputados socialistas avanzaron que, “ante este desprezo cara a provincia e, neste caso, cara os nosos maiores”, o Equipo de Goberno “vese na obriga” de levar a Pleno unha moción para instar á Xunta “a que concerte prazas nas residencias da Deputación en favor dos Concellos, tal e como se comprometeu a Conselleira de Traballo e propio Núñez Feijóo nunha visita á Fonsagrada”. A proposición, que conta co respaldo de todo o Executivo provincial, debaterase na sesión plenaria de mañá.

“Non valen escusas de mal pagador”

O Deputado de Cooperación cos Concellos apuntou que a Núñez Feijóo “non lle valen escusas de mal pagador” porque dende o primeiro momento a institución luguesa “invitouno a traballar xuntos na rede de residencias”, un proxecto de “vital importancia para o futuro de Lugo”, por catro razóns de peso:

– Mellorará a calidade de vida dos maiores, posibilitando que quenes hoxe os coidan nas súas familias poidan seguir traballando.

– Contribuirá a frear o grave despoboamento demográfico no rural, de onde moitos teñen que marchas ante a carencia de servizos.

– Creará postos de traballo no rural. Só nas residencias que construirá a Deputación contrataranse a máis de 150 profesionais, sen sumar os postos de traballo indirectos, como limpeza, subministros, transporte…

– Reportará un beneficio económico para os Concellos, entre outros motivos porque cobrarán as correspondentes taxas de licencias.

A gran necesidade e ampla demanda de servizos de atención á terceira idade queda demostrada así mesmo en numerosos estudos, segundo García Porto, quen apuntou como exemplos o Primeiro Plan Estratéxico Provincial, que indica que case unha terceira parte da poboación da provincia supera os 65 anos de idade, ou o Mapa Galego de Equipamentos Sociais feito pola propia Xunta, que revela que Lugo necesita, como mínimo, 1.228 prazas residenciais e 1.040 de centros de día para acadar os ratios mínimos de cobertura asistencial.

Valiño recriminou así mesmo á Xunta que recoñeza que caída demográfica é un dos principais problemas de Galicia, como o fixo recentemente nunha entrevista a Conselleira de Traballo, pero, ó mesmo tempo, non se decida a apoiar a creación da residencias de Deputación nin participase no seu momento no foro que a Deputación organizou sobre o despoboamento.

Na mesma proposición que se debaterá no pleno de mañá, o Equipo de Goberno reclamará á Xunta que acometa a residencia de Becerreá, tal e como Núñez Feijóo prometera ós veciños no ano 2009, antes de ser investido Presidente. Neste caso, a Deputación “supliu de novo ás obrigas do Goberno galego, facilitándolle incluso o traballo”, ó asumir a redacción do proxecto, asegurou Díaz Valiño, que aproveitou para anunciar que as tarefas xa foron licitadas e que se adxudicarán no mes de novembro. Unha vez listo o documento, poñerase a disposición do Executivo autonómico.

A Deputación cumpre e a Xunta bota balóns fóra

“Vense dúas posturas, unha Deputación que está cumprindo, incluso máis alá das súas competencias, e unha Xunta que non asume as súas responsabilidades nin cumpre coa palabra dada ós lucenses”, subliñaron García Porto e Díaz Valiño. “Hai que deixar de botarlle a culpa ós demais, ó Goberno central, á Deputación… e exercitar as competencias encomendadas”, destacou Valiño, engadindo: “nós así o estamos facendo, dende a área que dirixo, como co asesoramento sobre os créditos ICO, a medición dos ruídos, etc. Xa lles anuncio que a cooperación vai a ser un goteo permanente durante todo o mandato, como foi nos pasados catro anos”.

15 millóns de euros

A creación da rede de residencias saíu adiante grazas ó xiro radical que a Deputación lle deu o pasado ano ás políticas de actuación de SUPLUSA -que ata o momento só se adicaba a crear solo industrial- despois de detectar que había unha clara demanda destes servizos de atención ós maiores. “Xa non tiña sentido facer grandes polígonos para que logo quedasen baleiros, como o das Gándaras, cando o que se reclama na provincia son servizos para a terceira idade”, asegurou Pilar García Porto.

Na actualidade, sumando a subvención concedida para rematar a residencia de Monterroso, A Deputación destina 15,5 millóns de euros para financiar 13 centros para a terceira idade. Nestes momentos están adxudicadas as obras dos de Trabada, Pol e Castroverde. En proceso de adxudicación atópanse os de Guitiriz, Pedrafita, Meira, Ribas de Sil e A Fonsagrada, e pendentes de iniciar os trámites están os de Saviñao, Riotorto e A Pobra de Brollón.

A Deputación viuse na obriga de ampliar os compromisos iniciais de actuación porque a Xunta, a pesar de ter as competencias directas nesta materia, tamén deixaba sen servizo ós Concellos da Fonsagrada e Becerreá, marxinando ós veciños da Montaña, que curiosamente é onde se rexistra o maior índice de envellecemento da provincia. Nestes últimos dous casos, A Fonsagrada e Becerreá, o Goberno de Feijóo, “facendo uso unha vez máis da súa táctica de escapismo, deixou pasar o tempo para ver se por arte de maxia se facía realidade unha demanda longamente desexada polos veciños”, sinalou Díaz Valiño. “Temos que confesar que esta deixadez non nos sorprende, senón que é un suma e sigue: Seguro que todos vostedes lembran cando Feijóo prometera antes de ser Presidente da Xunta que el ía manter o hospital psiquiátrico de Castro Riberas de Lea, e logo, unha vez investido, facendo uso da súa amnesia política, nunca se volveu a acordar máis do asunto e fixo todo o contrario”, afirmou o Deputado.

Exit mobile version