Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación reclamará a instancias do BNG que a Xunta dea maior peso a Lugo na Autoridade Portuaria

A DEPUTACIÓN RECLAMARÁ A INSTANCIAS DO BNG QUE A XUNTA DEA MAIOR PESO A LUGO NO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN DA AUTORIDADE PORTUARIA

Esta mañá asinouse o acordo de goberno da Deputación, que se levará ao vindeiro pleno, para instar á Consellaría de Pesca a que modifique a composición do Consello de Administración da Autoridade Portuaria Ferrol – San Cibrao, aumentando a presenza lucense

O BNG levou a iniciativa deste acordo para que o Consello de Administración se equilibre en función da aportación que en concepto de taxas cada un dos portos fai aos ingresos da Autoridade Portuaria

Lugo, 20 de outubro de 2011. A Deputación de Lugo asinou esta mañá un acordo de goberno, a instancias do Grupo Provincial do BNG, coa finalidade de instar á Consellaría do Mar a que modifique a composición do Consello de Administración da Autoridade Portuaria Ferrol – San Cibrao, aumentando a presenza lucense ao equilibrar a súa composición en función da aportación que en concepto de taxas cada un dos portos fai aos ingresos da referida Autoridade Portuaria.

Con esta medida, segundo defendeu o deputado mariñán do BNG, e vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, “pretende lograrse unha redistribución máis equitativa en función do que ingresa en cada porto polo concepto de taxas”. Segundo argumentou Antonio Veiga, “as contas da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao non deixan lugar a dúbidas do trato discriminatorio que a mesma mantén en relación coa área da costa de Lugo, limitando a súa actuación ao arranxo e mantemento de faros e balizas, mentres contrasta cos importantes investimentos que a mesma acomete na zona de Ferrol, tanto no potenciamento da actividade económica como no apoio ás actividades sociais e culturais”.

Neste camiño, Veiga afirmou que “desde o BNG entendemos que esta situación se pode solucionar se aumentamos a representación lucense no Consello de Administración da Autoridade Portuaria, xa que nestes momentos só se limita directamente a un único vogal, o designado alternativamente polos concellos de Cervo e Xove”. Por iso, Antonio Veiga afirmou que “para aumentar este peso específico que debe ter Lugo neste Consello de Administración da Autoridade Portuaria, adoptamos este acordo de goberno para no vindeiro Pleno da Corporación Provincial se aprobe instar á Xunta de Galiza, nomeadamente á Consellería do Mar, a que modifique a composición do Consello de Administración da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, para que esta se faga en función da aportación que en concepto de taxas cada un dos portos fai aos ingresos da referida Autoridade Portuaria”.

Exit mobile version