Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación rexeita as indemnizacións aos ex directivos das caixas e pide a Xunta datos sobre contías e blindaxes

Nota de prensa

A DEPUTACIÓN EXPRESA O SEU PROFUNDO REXEITAMENTO ÁS INDEMNIZACIÓNS PERCIBIDAS POLOS DIRECTIVOS DAS CAIXAS GALEGAS

Mario Outeiro criticou que “5 exdirectivos vanse levar 40 millóns de euros, o que representa máis do 20% do valor de NCG Banco”

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou dirixirse á Xunta de Galiza que faga públicos os dados referidos as contías das indemnizacións de todos os directivos xubilados así como a blindaxe dos contratos dos actuais dirixentes

Lugo, 7 de outubro de 2011. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, informou na rolda de prensa posterior a Xunta de Goberno da Deputación, que a propia Xunta de Goberno da Deputación manifestou o seu profundo rexeitamento ás indemnizacións percibidas polos directivos das caixas galegas, que Mario Outeiro cualificou de “escandalosas” tomou un acordo para instar ao Goberno Galego a que faga públicos os dados referidos as contías das indemnizacións de todos os directivos xubilados así como a blindaxe dos contratos dos actuais dirixentes.

Neste sentido, Mario Outeiro afirmou que “é de escándalo que 5 exdirectivos se vaian levar 40 millóns de euros, o que representa máis do 20% do valor de NCG Banco segundo o fixado polo Banco de España en 186 millóns de euros. “A cantidade que vimos de referir, como resulta evidente, correspondese só cunha pequena parte do diñeiro que a entidade ten destinado á indemnización dos seus antigos directivos”, -continuou Mario Outeiro, “descoñecendo a día de hoxe a contía que teñen percibido outros altos cargos das Caixas que se teñen acollido a prexubilacións así como a cantidade que o novo Banco ten provisionado para facer fronte á futuras indemnizacións dos actuais mandatarios.Á marxe doutras consideracións sobre os ingresos que seguen a recibir estas persoas, en tanto representantes da entidade en diversos organismos ou mesmo en sociedades mercantís, Mario Outeiro salientou que “non deixa de sorprender que a Xunta de Galiza, como órgano de control tal como estabelece a propia lexislación, non procedese a investigar a xestión dos mesmos ao fronte das entidades hoxe fusionadas”. Mario Outeiro afirmou que “a Xunta de Galiza debería ser quen investigue a xestión das equipas de dirección de Caixa Galiza e de Caixa Nova nesta década, así como o de Nova Caixa Galiza”, porque ten que realizar estas tarefas de fiscalización das caixas.

Por estas razóns a Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vai instar á Xunta de Galiza a que faga públicos os dados referidos as contías das indemnizacións de todos os directivos xubilados así como a blindaxe dos contratos dos actuais dirixentes. Desta maneira, a Xunta de Goberno da Deputación tamén demandará do Goberno Galego que solicite dos directivos prexubilados a devolución da cantidade recibida en concepto de indemnización e que revise as blindaxes dos contratos dos dirixentes actuais; así como a que garanta a galeguidade e a orientación publica da nova entidade na dirección do expresado no último pleno da Corporación Provincial, e que o Goberno Galego obrigue a Nova Caixa Galiza Banco a dotar a cantidade suficiente para permitir o funcionamento da obra social de Nova Caixa Galicia.

Exit mobile version