Site icon Crónica3.com A Mariña

A porteira do Burela FSF Pescados Rubén reincorporase despois de facerse co Sudamericano 2011 de Venezuela

Nota de prensa

JOZI: ‘VOLVO CON FORZA E GANAS PARA REINCORPORARME AO GRAN TRABALLO QUE ESTÁN REALIZANDO AS MIÑAS COMPAÑEIRAS’

A porteira laranxa Jozi xa está de volta e plenamente reincorporada aos compromisos ligueiros da Primeira División co Burela FS Pescados Rubén, despois de facerse co Sudamericano 2011 de Venezuela. “Volvo con forza e ganas para reincorporarme ao gran traballo que están realizando as miñas compañeiras. Durante estes días non deixei de estar en contacto diario con elas; os resultados non foron todo o positivos que desexariamos, pero estamos traballando ben e conseguiremos ir aproximándonos aos postos altos”. Con respecto ao rival laranxa desta semana, o Natudelia.com Zaragoza (Vista Alegre, 18.30 horas), asegurou que “non será nada doado, xa que as mañas están buscando a primeira vitoria da tempada e virán moi motivadas”.

Definitivamente a meta laranxa arrasou no seu periplo co Brasil no Sudamericano 2011 de Maracay a apropiándose non só do torneo, con amplas goleadas, senón tamén con todos os títulos individuais e incluso o Fair Play. A declarada ‘Melhor Goleira’ do torneo, que agradeceu a dispoñibilidade do CD Burela FS para ter a oportunidade de vestir a camisola amarela, destacou o desequilibrio competitivo das seleccións participantes: “Dende o último Sudamericano, en Brasil 2009, o noso combinado mantivo unha evolución física e táctica que se reflectiu de maneira moi evidente nesta ocasión; esperabamos máis dalgúns equipos, pero o certo é que tan só notamos a mellora de Arxentina”.

“Aproveitamos estes compromisos para axustar o equipo de cara ao mundial de decembro en Brasil, unha cita nada comparable coa que acabamos de disputar. Aínda que Brasil estea entre os candidatos, sen dúbida estará moito máis rifado coa presenza de seleccións que xa coñecemos, como España, Portugal ou Rusia, que lle imprimirán un maior nivel ao xogo” explicou Jozi facendo referencia ao seu posible futuro máis inmediato coa canarinha.

Exit mobile version