Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS-Pescados Rubén pelexará por recuperar a senda da vitoria no domicilio do novel Majadahonda

Nota de prensa:
A RECUPERAR A SENDA DA VITORIA NO DOMICILIO DO NOVEL MAJADAHONDA

A Primeira División Feminina regresa coa visita do Burela FS-Pescados Rubén ao domicilio do novel Majadahonda FSF-Afar 4. O pavillón municipal La Granadilla acollerá o partido da quinta xornada a partir das 20.00 horas.

O conxunto laranxa pelexará por recuperar a senda da vitoria despois de dous brillantes encontros, ante o Cajasur Córdoba, na liga, e Ponte Ourense, na Copa Galicia, nos que a finalización non estivo da súa parte. As pupilas de Javier Pardeiro viaxarán coa incerteza do rival, do que dispoñen escasas referencias, un equipo cos inicios atropelados (Ponte Ourense 2-11, Orvina 6-2 e Cajasur 3-9) que está empatado a 3 puntos coas burelistas; na xornada anterior puido conseguir o seu primeiro triunfo na elite, na casa do Diamante Logroño (1-4).

O vestiario mariñán volverá contar coas ausencias de Jozi, en pleno Sudamericano 2011 co combinado canarinho, e Peque, que estará afastada das pistas durante un mes restablecéndose dunha escordadura de ligamento cruzado posterior.

Exit mobile version