Site icon Crónica3.com A Mariña

A xunta de portavoces de Ribadeo solicita a Fomento que non reclame aos afectados o pagado por expropiacións

Nota de prensa

FERNANDO SUÁREZ CONSIDERA UNHA FALCATRUADA AS NOTIFICACIÓNS QUE ESTÁN A RECIBIR OS EXPROPIADOS POLO ACCESO Á CIRCUNVALACIÓN E NAS QUE FOMENTO LLES RECLAMA O DIÑEIRO PERCIBIDO. A XUNTA DE PORTAVOCES ASINOU UN DOCUMENTO QUE SE ENVIARÁ Á DEMARCACIÓN DE ESTRADAS DO ESTADO EN GALICIA PEDÍNDOLLE QUE AS DEIXE SEN EFECTO.

Ribadeo, 7 de outubro de 2011. O alcalde, Fernando Suárez, considera absurdo e unha falcatruada as notificacións que están a recibir os expropiados polo acceso á circunvalación e nas que Fomento lles reclama o diñeiro percibido, ademáis dos intereses senon realizan ese pago dentro dos prazos previstos. O rexedor convocou á xunta de portavoces, que asinou un documento no que lle pide á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia que se manteña a suspensión do procedemento de desafectación dos bens e dereitos da expropiación e que se dicten as instruccións correspondentes para deixar sen efecto ditas notificacións ata que se resolva a cuestión principal da desafectación, á que o Concello de Ribadeo manifesta a súa oposición absoluta.

O rexedor declarou este mediodía que “lamentablemente volta a ser actualidade esta intención escura e rarísima do Ministerio de Fomento á hora de pedir a devolución do diñeiro que no seu momento pagou polas expropiacións do que tiña que ser o acceso á circunvalación. Trátase dunha obra que o propio Ministerio de Fomento licitou, adxudicou e finalmente renunciou a facela porque contaba cun informe desfavorable da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta”. Suárez Barcia lembrou que “hai máis ou menos tres anos eu como alcalde e os técnicos municipais fomos manter unha xuntanza co xefe de Estradas do Estado en Galicia para que reconsiderasen esa situación, e así o fixeron porque durante dous anos e pico non voltaron realizar ningunha xestión nin para ben nin para mal. E agora nestes últimos días aos afectados polas expropiacións de hai anos estánlles a chegar uns requerimentos á súa casa para que procedan a devolver o diñeiro que a administración do Estado lles ingresou coa amenaza de que se non o fan en prazo lles cobrarán os intereses. Será a primeira vez na historia onde unha administración que expropia algo, que por motivos imputables a ela non chega a facer, devolve o expropiado e pide o diñeiro xunto cos intereses en caso de que non se fagan os pagos en prazo”.

Ao alcalde de Ribadeo parécelle algo absurdo por moitos motivos “polo que fixemos unha xuntanza de portavoces e os portavoces do PP e do PSOE, que son os que están válidamente constituidos a día de hoxe, entenderon esta situación e todos BNG, PSOE e PP asinamos un documento, que tamén secunda UPRI, onde lle pedimos ao Ministerio de Fomento que manteña a suspensión deste procedemento de desafectación desta expropiación, en segundo lugar que se permita ao Concello ser tamén parte neste expedente e finalmente que se dicten as instruccións correspondentes pola Demarcación de Estradas do Estado para que deixen sen efecto todas estas notificacións de débeda dos veciños afectados ata que se resolva a cuestión principal”.

Fernando Suárez subliña que “no planeamento urbanístico debe seguir existindo esta actuación, aínda que o Ministerio de Fomento, por cuestión da situación económica, non a vaia facer nestes meses. Parécenos un absurdo si é necesario e conveniente facelo ter que dar marcha atrás a todo e devolver as expropiacións para que dentro dun ano, de dous ou tres anos se chegue a facer a obra e se teña que expropiar todo de novo”.

O rexedor valora de xeito positivo que “os portavoces dos diferentes grupos esteamos de acordo para demandarlle ao Ministerio de Fomento que non faga o que nos parece unha especie de falcatruada, que non se sostén de ningunha das maneiras”.

——————————————-

Que pola Xunta de Portavoces do Concello de Ribadeo se manifesta que:

Que varios veciños que teñen recibido dende mediados do mes de setembro escritos desa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia polos que se lles comunica que se ten revisado o expediente de expropiación forzosa que se tramita con motivo das obras 22-LU 3701.Vial paralelo dende a CP-507 para acceso ao porto de Mirasol, tramo Ribadeo, término municipal de Ribadeo, dándoselles trámite de audiencia de conformidade co disposto no artigo 84 da Lei 30/1992 de 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.
Que en primeiro lugar esta Xunta de Portavoces ten que manifestar a sorpresa pola actuación unilateral da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e de que non se tivera a menor consideración co Concello nin este coñecera o que debe ser un cambio de criterio na actuación que se prevía levar a cabo en Ribadeo.
Segundo a reunión celebrada en outubro de 2009, en concreto o 19 de outubro, por esta o día 20 dirixiuse un escrito á Xefatura da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia coas seguintes consideracións que volto a transcribir.
“1ª.- Que como ten sinalado no recente escrito de 15 de outubro de 2009 o Director do Gabinete da Secretaria de Estado de Planificación e Infraestructuras, esta obra é unha actuación de interese xeral, e a realización dese vial debe manterse coa firme vontade de levala a cabo.

2ª.- Que a tenor do grado avanzado do procedemento expropiatorio e da posibilidade de que a desafectación dos bens iniciada e non resolta, poida non ser precisa, se a execución da obra nunha nova alternativa é prácticamente coincidente ou sustancialmente análoga, coa que se preveu inicialmente e cuxo contrato tivo que ser resolto, unha vez incluidos os elementos ou actuacións que se poidan esixir por parte da Dirección Xeral de Patrimonio por razóns de economía e eficacia podería ser de interese público manter a expropiación efectuada ata que se resolva sobre a solución que se poida consensuar coa dirección Xeral de Patrimonio da
Xunta.
En virtude do que antecede e entendendo que se manten a motivación de interese xeral e urxencia na execución da obra que motivaron a expropiación, por esta Xunta de Portavoces solicitase que se proceda á suspensión do procedemento iniciado de desafectación dos bens e dereitos da expropiación, toda vez que poderían ser precisos para a execución da obra e entendendo que elo responde a razóns de eficacia, economia procedimental e conservación dos actos administrativos para unha actuación publica necesaria.”
Por esta Xunta de Portavoces se manifesta que a día de hoxe, e ata o momento se mantivo a confianza lexítima desta entidade local en que a obra se levaría a cabo, e a mesma figura na documentación do Plan Xeral de Ordenación Municipal que vai ser sometido de novo á aprobación polo pleno municipal moi previsiblemente dentro deste exercicio.
Ao mesmo tempo, xa se tiña pedido con anterioridade a suspensión da tramitación que se efectuou, e existe un consenso entre a Consellería de Cultura e o Ministerio de Fomento sobre o xeito máis adecuado para a realización da obra, sendo este o recollido no Plan Xeral ao que se está a facer referencia.
Unha segunda consideración que se quere facer por esta Xunta de Portavoces é tamén respecto ao xeito en que se están dirixindo aos veciños, toda vez que non trasladando aos mesmos o contido real coa motivación do informe do enxeñeiro director da obra, senón unha mera referencia se lles causa indefensión, do mesmo xeito que a este Concello, xa que non se pode deducir se existen elementos novos que deban ser tidos en consideración, de carácter técnico.
A xuízo desta Xunta de Portavoces, non pode ser a comodidade de “pechar o expediente” o que motive que se pide o reintegro ao Tesoro Público das cantidades aboadas aos veciños en concepto de depósito previo, dous anos despois da expropiación, e aínda que existan razóns de reducción presupostaria que poidan dilatar a execución da obra, carece de sentido que o expediente expropiatorio se resolva para voltar a reiniciarse despois reexpropiando de novo.
Así mesmo, o mecanismo de apremio de ingreso non tributario supón un auténtico abuso sobre os veciños afectados que contra a súa vontade foron expropiados, e agora teñen que devolver un diñeiro co que probablemente non contan.
Unha terceira consideración que se debe facer por esta Xunta de Portavoces é que non debe procederse á desafectación das fincas nin deixar sen efecto ás actas previas mantendo vivo, pola contra, o expediente expropiatorio a fin de que no momento en que presupostariamente sexa posible –se esta é a causa- se leve a cabo a execución da obra.
Polo tanto, en virtude deste escrito quero que quede constancia da oposición do Concello de Ribadeo, representado pola sua Xunta de Portavoces, por razóns de urxencia tanto a desafectación das fincas que foron expropiadas para a execución desta obra como de que se obrigue aos veciños a devolver os depósitos previos.
Non existindo razón para a desafectación das fincas tampouco existe polo tanto para que efectúen o reintegro ao Tesoro Público.

Unha cuarta consideración é que o Concello de Ribadeo debe ser considerado como parte no expediente, como titular de dereitos e intereses lexítimos protexidos polo ordenamento vixente que non foron tidos en absoluto en consideración, polo que antes de ditarse a resolución de desafectación de data 28 de setembro de 2011 debeu darse audiencia ao Concello e ao non terse feito acarrea a nulidade de pleno dereito de todo o actuado coas responsabilidades a que houbera lugar.
Polo tanto, formalmente solicitase que o Concello de Ribadeo,sexa considerado formalmente parte afectada e titular dun interese lexítimo (xa que o ten sido materialmente ate agora, como consta) no procedemento en cuestión , de desafectación das fincas, así como da actuación material efectuada de ter rematado a suspensión do procedemento que foi acordada con esa Demarcación de Estradas en outubro de 2009, e respecto aos outros elementos que se deriven directa ou con carácter executivo deses actos se comuniquen en tempo e forma a esta entidade local.
Que o principio de proporcionalidade, de economía procedemental e de eficacia que deben presidir as actuacións das Administracións Públicas, se ve gravemente danado neste caso concreto coa actuación que se ten levado a cabo e contradi tamén os criterios que foron manifestados pola propia Secretaría de Estado de Planificación e Infraestruturas que sinalou no escrito de 15 de outubro de 2009 que a obra era unha actuación de interese xeral e a realización dese vial debe manterse coa firme vontade de levalo a cabo.
En virtude do que antecede, e sen prexuízo da aportación que poida efectuarse desta entidade local de máis documentación,
SOLICITASE:

1º. Que se manteña a suspensión do procedemento de desafectación dos bens e dereitos da expropiación toda vez que poderían ser precisos para a execución da obra e entendendo que resposta a razóns de efecicacia, economía procedemental e conservación dos actos administrativos para unha actuación pública, necesaria de interese xeral respecto á que existía unha firme vontade de realización por parte da Secretaría de Estado.
2º. Que sendo o Concello titular dun interese lexítimo no mantemento da execución da obra e polo tanto na subsistencia dos actos imprescindibles para a súa materialización, sexa obxecto de notificación de tódolos informes, actos ou acordos previos a este momento respecto aos que non se lle tivo en consideración, dándolle un trámite de audiencia conforme ao disposto no artigo 84 da Lei 30/1992 de Réxime Xurídico das Administracións Públicas para que, coñecendo o expediente poida formular as alegación e presentar os documentos e xustificacións que estime pertinentes, que neste momento, por descoñecemento sustancial do expediente unicamente pode esbozar.
3º. Que se dicten as instruccións correspondentes por parte da Demarcación de Estradas do Estado para que, por parte da Delegación de Economía e Facenda de Lugo se deixe sen efecto as notificacións de débedas aos veciños afectados ata que se resolva a cuestión principal da desafectación á que este Concello manifesta a súa
oposición absoluta.

A XUNTA DE PORTAVOCES

Exit mobile version